«Eu só aspiro a Castro Caldelas»

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

01 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Eladio Osorio é un dos alcaldes veteranos socialistas no rural galego. Repetiu sempre dende que se presentou aló polos anos 80 e só quedou na oposición por unha moción de censura a finais do 1996. Ten fama de home dialogante, moderador e volcado cos seus veciños. -¿Como ve o panorama electoral? -Con moito optimismo. Paréceme que fixemos un traballo interesante neste municipio. Atopámonos todos con ánimo porque creo que este labor mereceu a confianza dos caldelaos. -¿Que pensa dos seus contrincantes nesta carreira rumbo ás urnas? -Son listas con xente á que valoro, persoas con capacidade e ganas pero botase de menos que a xente que encabeza esas listas non vive en Castro Caldelas. É unha ofensa levar candidatos que se poidan convertir en gobernantes tan só de fin de semana. -A presencia dos nacionalistas obligará a repartir máis a tarta dos votos. -O BNG pode quitarnos algúns votos. Nós viñamos sacando sete concelleiros de once agora ha nove concelleiros e non sabemos que pasará. -Despois de tantos anos ¿sinte cansancio xa, Eladio? -O que caiga nise erro vai mal. Se non se mantén esa ilusión e as ganas, o melor é retirarse. Eu teño máis ilusión agora que nunca porque a miña aspiración é só Castro Caldelas. Téñolle adicado moito tempo, tempo que merecen os caldelaos. -¿Que lle falta agora a este Concello? -Pois faltalle un bo plan de desenvolvemento rural que crea no desenvolvemento do campo, a concentración parcelaria está sen facer porque dende a administración non se fai nada para aproveitar os recursos e dinamizar os sectores productivos. -O ser un alcalde que non pertenece á corda dos governos provincial e autonómico ¿supúxolle problemas na xestión municipal no Castro? -A dificultade en governar un Concello está máis ben na lexislación, na financiación municipal porque boa parte das inversións chegan a nós a base de petar e petar noutras administracións. -¿Que recordo lle queda dese trago que para vostede trouxo no seu día a moción de censura? -Aquelo xa quedou olvidado, como llo digo. Mire que o pobo, os veciños de Castro Caldelas, voltaronme a dar a súa confianza despois daquel acontecemento, cando tiveron que falar nas urnas.