Xohana Torres recolleu onte en Celanova o premio Casa dos Poetas, por primeira vez no inmoble de Curros Unha ofrenda a Celso Emilio abriu o día no que se fundiron música e palabra
31 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Nuns momentos de emoción quedaba inaugurada literariamente a Casa de Curros Enríquez de Celanova, xusto no día da entrega do Premio Casa dos Poetas. Recibiuno a escritora Xohana Torres, natural de Santiago e residente en Vigo. É a muller cantora do tempo, do mar, aquela na que a súa obra poética descansa no pouso deixado polas terras do Avia nun ritual voltado onte «como barca que irrompe na auga e multiplica os círculos concéntricos da memoria», dixo esta muller. A premiada fixo música coas notas das súas verbas nun pentagrama de beleza saboreado por todos os presentes na fermosa Casa de Curros, nunha sala de pedra onde preside a lareira. «Se cadra Curros nos ensinara entón a procura do lume...» ía decindo a autora, conmovida de habitar por uns instantes a casa restaurada con acerto onde se atopa o alento do escritor, ese Curros de pasos firmes, radicais e incorrixibles, dixo Xohana coa música da palabra e do corazón. Méndez Ferrín adicoulle unha semblanza biográfica chea de recordos dende que a coñeceu naquel 1955. Xohana é membro da Academia Galega e dende alí outra numeraria, Luz Pozo garza, lle adicou as ondas deste outono, os sons das ondas do mar de Vigo porque o código das ondas é cousa de mulleres... O de onte foi un día especial para Celanova. Setenta anos de esforzos acabaron coa posta de longo da Casa de Curros, casa dos poetas, vello sono da Unión Orensana de La Habana naquel despuntar do século XX. O alcalde, Antonio Mouriño, felicitou á premiada que recibe o seu merecido «dentro do ambiente familiar que para ben ou para mal mamou Curros Enríquez nesta casa». A escritora, emocionada, non quixo falar despois do seu discurso engaiolante. Houbo unha visita á exposición fotográfica e de retratos dos poetas celanoveses na planta baixa, iniciada por un cuadro de Moreiras, un recordo a Valente. A casa é acolledora e axeitada. Gustoulle a Xohana. Os do Pedrón de Ouro queren faiar o próximo premio nela. Acabou a xornada coa Ruta Currosiana resoando na rua o poema A Igrexa fría , lido polo fillo de Celso Emilio: «...Nas torres egrexias agullas de ferro queixumes semellan do paso dos tempos...». Acabou o día coa arpa celta bicando o solpor na Horta da Palabra.