Distinción para o Consello da Cultura

La Voz

OURENSE

02 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Os Premios Ourense de Banda Deseñada son todo un referente no mundo da cultura do cómic en Galicia. Un recoñecemento este que ten transcendido o marco das entidades convocantes para ser un punto de encontro para os amantes e os autores da banda deseñada. De feito as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que este ano celebrarán a súa catorce edición do 4 ó 11 de octubro, son a maior e máis importante manifestación de banda deseñada galega, avaladas desde hai anos co respaldo da Consellería de Familia da Xunta de Galicia. De feito o propio departamento que preside Manuela López Besteiro convoca algunhas das distincións que logo se entregan durante as Xornadas. De Miguelanxo Prado ó Xabarín Club Ó longo da súa historia os Premios Ourense de Banda Deseñada teñen distinguido ós máis sobranceiros autores galegos, así como os proxectos encamiñados a crear unha cultura propia neste eido ou as propostas das diferentes editoriais ou colectivos. Entre os galardoados ata o de agora cos Premios Ourense na categoría de «mellores iniciativas na BD galega» figuran Xaquín Marín, Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais de Galicia, Miguelanxo Prado, A Nosa Terra, a equipa de A Familia Perpetua -Carvallo, Héitor e Robledo-, a Deputación da Coruña, a Biblioteca Club 33 de Santiago de Compostela, Fausto Isorna, o programa da TVG Xabarín Club, o certame coruñés Viñetas desde o Atlántico, Fran Jaraba, a Deputación de Lugo e o Consello da Cultura Galega. Cartel de Marcos Calo Precisamente o premio concedido ó Consello pola sección de banda deseñada da súa páxina web foi recollido en octubro do pasado ano polo desaparecido Carlos Casares, daquela presidente da entidade. O premio para o mellor autor novel concederase ó gañador do Concurso Galego de Imaxe Artística, no apartado de banda deseñada, convocado por Familia. O pasado ano correspondeulle a Marcos Calo, autor do cartel que anuncia este ano os Premios Ourense de Banda Deseñada.