«O humor é o martirio dos definidores»

La Voz

OURENSE

PILI PROL

Xosé Lois González, debuxante

30 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Lois non cabe de felicidade con estes actos na honra do seu inxenio. A súa traxectoria humorística gráfica xa ven de longo, das publicacións clandestinas. -¿Que pasou despois? -Pois que un bo día quixen publica-lo meu personaxe diariamente, aceptárono e ata hoxe. E non ten outra trascendencia máis que reflexar as miñas facultades humorísticas nun contexto xornalístico frecuente que é como máis satisfactoriamente se fai iso. -¿Por que elixiu un home para reflexar o seu humor? -Eu xa tiña un personaxe feminino e retranqueiro, Sabeliña, que publicaba antes co Carrabouxo. Era unha nena labrega que alguén identificaba con Mafalda i eso foi involuntario pola miña parte. O Carrabouxo saiu home, reflexo dalgún cagador de sentencias, alto e desgarbado. Despois apareceron varios homes reais con esas características. Incluso teño fotos de veciños que me mandaban imaxes dalgún Carrabouxo real. -¿De onde lle ven a retranca a vostede? -Herdeina de meu pai, que era moi humorista e esa facultade volqueina no Carrabouxo e eso é o que lle deu esta aceptación. -¿Nalgún momento lle produxo algún disgusto este personaxe? -Disgustos colaterais, de alguén que se cabreou polo chiste, algunha alta autoridade do país ou alguén que se deu por aludido e mosqueouse moito. Nunha ocasión un home denuncioume porque pensaba que a figura do Carrabouxo a sacara del e eu nunca coñecín a esa persoa. -¿Que lle espera ao Carrabouxo? -Pois agora que se verá reflexado nunha estatua de bronce vai ser case eterno. Mentras a xente o acepte seguirá día a día. -Goza de boa saúde -E vaise renovando anque a xente non o nota. Ise é o segredo. Vaise adaptando ó humor máis avanzado e o debuxo tense estilizado moito. -¿Que é o humor? -O martirio dos definidores.