Xosé Santos, axente forestal e responsable de Medio Ambiente de CC OO
20 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hoxe Ourense sumarase á celebración do Día da Árbore. Entre os actos organizados para esta xornada, atópase a mesa redonda proposta por Amigos da Terra. Nela participará o axente forestal Xosé Santos. -Falando da problemática forestal da provincia, ¿cal é a cuestión máis urxente? -O problema básico dos bosques e do arborado en Ourense, e que a min me dá moita pena, constitúeno os incendios forestais. É un problema enquistado, case endémico. Non hai unha resposta por parte do goberno pero tampouco ningún axente social que lidere a busca de solucións. -E mentras se manteña a problemática... -Estamos pondo en perigo os ecosistemas forestais que son un dos poucos recursos da nosa provincia. Así, a viabilidade económica das zonas de montaña vai depender do coidado dos nosos ecosistemas. -¿Que outras cuestións destacaría? -A falta de respeto caro ó arborado, coas podas abusivas, por exemplo. E a escasez de parques e espacios verdes. Non hai máis que recordar que nos paises europeos alcánzase unha media de dez metros cadrados por habitante e en Ourense redúcese a tres. -¿Teñen verdadeira importancia as actividades de concienciación, como as organizadas con motivo do Día da Árbore? -Son importantes. Pero hai que ir máis alá do día «D». A demagoxia, a sensibilidade ou as declaracións de hoxe non poden quedar simplemente en intencións. -¿Trátase tamén unha cuestión de educación? -Por suposto. Sería necesario que os programas educativos incluiran a concienciación e a sensibilización medioambiental.