A noite do lume

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Castro Caldelas prenderá os fachós coa caída do sol nesta víspera do San Sebastián Non é unha catástrofe nin o inferno. Nin siquera unha visita das ánimas do purgatorio. Cando o sol se poña hoxe, entre o lusco e o fusco, Castro Caldelas encenderá os fachós, na víspera do San Sebastián. Non caberá un alfiler na vila hoxe. Antropólogos, etnógrafos e xente diversa de Galicia e de fóra acuden a esta cita co lume, ese ser social do que falou Gaston Bachelard. Será a noite viva e sonada da vila pola seducción ígnica, repleta de simbolismo. A cita púxose dende o concello para as sete da tarde.

18 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Pero as sete é unha hora aproximada. Quere esto dicir que os fachós non formarán para sair en procesión ata que a escuridade invada a vila. Para que a festa saia ben, haberá perto dun cento de xente colaborando. Os cadelaos volcáronse estes días para a gran noite de hoxe. A duración da procesión alumeando as rúas do burgo, depende do fachón grande e de como pegue o vento. Se hai vento en contra, o lume non deixará avanzar ó resto dos que portan os pequenos fachós, que van detrás do principal. Neste caso é especialmente problemático o paso pola rúa do Sol e xa pertiño do castelo, nun punto onde se fan remuíños de vento. En lareiros amosaranse os catro mil chourizos para a ocasión. Tan pronto como remate a procesión pagana, na praza haberá unha gran fogueira a carón da cal bailarase e haberá degustación non só de chourizos senón tamén de bica, pan, varios centos de litros de bo viño de Caldelas e o agarimo de estaren todos xuntos. Na procesión vai unha imaxe de San Sebastián, feita de palla por un artesán fai dezaoito anos. Cada ano é indultada porque foi un regalo feito polo seu autor a María Teresa Cortón, que quixo merca-la imaxe ó gustarlle tanto, sendo agasallada con ela. E na súa casa se conserva o resto do ano. A imaxe vai presidindo unha procesión a xeito de cristianizala, máis os veciños insisten -ó igual que a organización- que este rito do 19 de xaneiro é fundamentalmente pagán. Os rezos quedan para mañá.