RAÚL SOUTELO OPINIÓN
16 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Veñen de ser publicados os datos do INE sobre a regresiva evolución demográfica de Ourense. Os resultados son incontestables. A provincia está a perder poboación dende comezos do século XX, debido as sucesivas vagas migratorias a América Latina e a Europa occidental, que reduciron notablemente a natalidade das xeracións seguintes. Pero esta tendencia acentuase nos últimos vinte anos, coa concentración da poboación na capital e nas cabeceiras de comarca. O éxodo migratorio posterior ós anos 1950 é o principal responsable porque levou a unha xeración a Europa, e reubicouna cos seus fillos na cidade, Verín ou Carballiño. Os políticos fachendan de que Galicia deixou de ser un país de emigrantes, pero os ourensáns vemos a boa parte da nosa xuventude que se prepara nas academias, convertidas nunha sorte de novas axencias de embarque, que preparan e facturan un novo tipo de emigrantes cara as dúas Castelas. Destaca a altísima participación de mulleres novas, con formación secundaria ou universitaria, que sinala a incapacidade do mercado laboral ourensán para absorver esta oferta. Escribo esto dende o meu traballo en Ferrolterra, son un funcionario-emigrado máis. Lembro ós meus compañeiros de estudos primarios en Amoeiro, emigrados en Francia ou Barcelona, e ós colegas da universidade, espallados polas administracións do Estado. As institucións públicas crearon organismos, asesorados polos máis preclaros técnicos e sabios de que dispomos, para planificar a reactivación económica arredor do turismo rural e das produccións de calidade. Si, pero a xente vaise, que decía Castelao, e a nosa provincia segue a converterse nun deserto. Deberíamos atopar outras alternativas menos dependentes das subvencións da Unión, que levan implícita a renuncia a loitar para correxir o declive demográfico, sobre todo no rural, desagrarizado xa e orfo de xente nova.