Eugenia López, voceira da Coordinadora Homenaxe a Delgado Gurriarán
05 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Eugenia López é unha xove veciña da pequena localidade de Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras. Un pobo que foi cuna do poeta e pensador Florencio Delgado Gurriarán, para o que pretenden conquerir o Día das Letras Galegas do 2003. -¿Cal é o sentimento do pobo de Córgomo? -Florencio, e a súa familia, eran xente moi querida e os veciños están entusiasmados e ilusionados coa idea de conquerir ese recoñecemento e á espera do que decida a Real Academia da Lingua Galega. De tódolos xeitos, ocurra o que ocurra, imos seguir adiante para que él teña o recoñecemento que como escritor galego merece. -¿Por que se crea a coordinadora? -Este verán fixemos unha semana de teatro na que persoas moi maiores, que na vida se viran en tal situación, puxeronse enriba do esceario como actores ou traballaron e colaboraron no atrezzo e na organización. Así que pensamos seguir potenciando iniciativas dende aquí, dende o noso pobo e coa colaboración de asociacións xa constituídas como as amas de casa ou a asociación veciñal decidimos poñer en marcha esta coordinadora. -¿Cales son os plans inmediatos? -Apoiar a iniciativa do IEV ante a Real Academia coas sinaturas que estamos a recoller por toda a bisbarra. Amáis queremos pedir colaboración a Asociación de Empresarios de Valdeorras, á patronal da pizarra e a outras entidades. Temos tamén perfiladas dúas xornadas para o 21 e 22 deste mes cunha exposición de artesáns da comarca, recitais de música, poesía e conferencias. E xa estamos traballando noutras xornadas para a próxima primaveira.