JESÚS MANUEL GARCÍA O CRONÓMETRO Agustín Fernández, presidente da Asociación de Turismo de Aldea
28 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No Parque do Xurés celebrase ata hoxe o primeiro seminario internacional de Turismo de Aldea. O presidente da asociación nacional, Agustín Fernández Domínguez, ten claro que as terras do Limia «teñen potencial extraordinario» de turismo por ser «terra de luz». Agustín é tamén o responsable de Adim, entidade que abrangue a 26 concellos da Alta e Baixa Limia e tamén da Terra de Celanova. -¿Como é o microclima desta zona? -A temperatura é desigual cunha oscilación de cinco graos. Esta terra ten tres mil horas de sol anuais e un potencial endóxeno importantísimo. Temos o mesmo clima que Marbella, nas partes baixas do val do río. -¿Que é o turismo de aldea? -A receta necesaria nunha área na que temos os ingredientes precisos para un caldo turístico necesario: flora, fauna, patrimonio histórico e artístico. -¿Que vai facer por este turismo a asociación que vostede preside? -Revaloriza-lo mundo rural co Leader Plus. Hai que facer que a xente viva nas aldeas, aprender e adaptar a filosofía de vivir na aldea. No medio rural tamén se vive ben. O medio rural é tan bo ou mellor que calquer outro. -¿Por que se abandonan as aldeas? -Ó noso entender débese a que a educación e a sanidade tenden a estar na cidade e porque os estudios soen atoparse no medio urbano. -¿En que traballan agora nestas comarcas? -Co Leader 2 conqueríronse 150 proxectos case todos ultimados e agora estamos traballando na planificación para o Leader Plus e presentouse o plan á axencia galega de desenvolvemento rural.