Calisto pasou polo Ribeiro

E.A. / X.M.R. RIBADAVIA

OURENSE

SANTI M. AMIL

Yllana recuperou para os amantes do teatro as actividades de madrugada cunha «proposta musicómica» A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia afronta a súa recta final avalada co respaldo masivo do público. O programa do venres estivo protagonizado polas lembranzas dun Calisto que iniciou as súas andanzas no maxín de Fernando de Rojas e rematou as súas vertixinosas aventuras na compaña do teatro dun Guillermo Shakespeare que acabaría transformando as andanzas de Calisto e Melibea no seu afamado Romeo e Julieta. De madrugada a Praza Maior acolleu un concerto teatral.

21 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

En Calisto. Historia dun personaxe un único actor en escea, Alvaro Lavín, encargouse de interpretar a máis dunha vintena de personaxes, elenco este que lle serviu para percorrer a vida e as andanzas de Calisto. Desde o parto de Fernando de Rojas que lle deu vida ata as súas experiencias teatrais por escearios españois, o Vaticano, Venecia, París e Londres. Este «espectáculo unipersonal» do Teatro Meridional mantivo a atención dos espectadores durante máis dunha hora, mesturando en tono irónico vivencias, soños, realidades e conflictos. O Calisto de Teatro Meridional contou con preto de 600 espectadores. Xa na madrugada do sábado, a partires da unha da mañán, a Praza Maior de Ribadavia convertiuse no esceario dun particular concerto protagonizado polos «catro musicómicos» de Yllana. Música, malabarismos, claqué, carreiras e a participación do público serviron para desenrolar a proposta protagonizada por Chus Herrera, Ramón Merlo, Mark Nef e Orlando Valenzuela. Amor e ideoloxía Na xornada de onte a proposta viña de dous vellos coñecidos da MIT. Pico, Xosé Manuel Oliveira, puxo a nota intimista coas súas Cartas de amor -en compaña de Mabel Rivera-. Doutra banda un texto de Vidal Bolaño, dirixido por José Martíns, lembroulle ós espectadores da Mostra o episodio histórico protagonizado por un fato de portugueses e españois que secuestraron o buque Santa María para denunciar as dictaduras portuguesa e española.