Ramón Caride compartiu cos escolares as aventuras do seu ciclo de literatura infantil e González Tosar recitou ós poetas de Celanova Coñecida é a frase dun escritor galego, Premio Nacional de Literatura, que decía aquelo de que «escribo para sentirme vivo». As máis das veces os escritores, calquera que sexa a súa patria ou aínda sen patria, necesitan saber que pasa do «outro lado» do libro. E para eso nada mellor que baixar á area para toparse cos seus lectores. Eso, que non é pouco, é o que fixeron onte os escritores Ramón Caride e Luis González Tosar. O escritor de Cea acudiu a Ourense para compartir cos escolares as aventuras dos seus persoaxes da triloxía que remata, temporalmente, con «O futuro roubado». Tosar lembrou ós poetas de Celanova.
21 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ramón Caride visitou varios colexios de Ourense, experiencia que terá continuidade hoxe, dentro do ciclo dos «encontros co escritor» organizados polo Concello de Ourense. Aínda que poseedor dun amplo currículo literario e unha morea de premios Caride baixou ó campo para compartir cos escolares a súa faceta de escritor de literatura xuvenil, unha faceta que recoñeceu que o tiña máis que satisfeito «xa que é fundamental para o escritor o contacto cos lectores que se incorporan á lectura, e neste caso farteime de asinar libros e de falar cos escolares sobre o ciclo que se pecha con O futuro roubado». Dentro das actividades organizadas co gallo da visita de Ramón Caride estivo a presentación da obra O futuro roubado, que pecha o ciclo de aventuras infantiles iniciado con Perigo vexetal e continuado con Ameaza na Antártida. Arte e poesía Tamén onte, co marco monumental do mosteiro de Celanova, o poeta Luis González Tosar foi o protagonista dun recital poético-musical. No seu recital, no que estivo acompañado polo grupo de música tradicional do IGAEM, Tosar prestou unha especial atención ós poetas de Celanova: Curros, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín e Castor Elices foron os autores homenaxeados.