A vila acolleu a entrega do premio Casa dos poetas ó pintor Xaime Quessada Celanova converteuse onte en referente do mundo cultural de Galicia coa entrega do premio Celanova casa dos poetas ó pintor Xaime Quessada. Méndez Ferrín lembrou a Celso Emilio Ferreiro, xa que onte era a data do 21 cabodano do seu falecemento _data coa que o Patronato Curros Enríquez fai coincidir a entrega_.
31 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Ferrín falou de Celanova coma «centro cultural de primeira importancia e un dos centros simbólicos da nación galega», tamén presentou a Quessada coma o «poeta dos pinceis», e lembrou as figuras dos poetas Castor Elices, Curros e Celso Emilio Ferreiro. A continuación, e xa no salón de actos do concello, celebrouse o acto de entrega da placa de homenaxe á dona de Francisco Azpilcueta, antigo membro do Patronato falecido recentemente. Acto seguido, procedeuse á entrega do premio. Comezou falando o alcalde de Celanova e presidente do Patronato, Antonio Mouriño, que destacou a traxectoria do afamado pintor. Xosé Manuel del Caño foi o seguinte en intervir, en calidade de secretario do patronato. Tamén asistiu ó acto Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento Galego e amigo do pintor, que leu un escrito no que comparaba a Quessada con Picasso, ademáis de presentalo como «grande falador, polémico e anarco-metabólico». A continuación falou Salvador García Bodaño, amigo persoal e estudoso da vida e obra de Quessada, que falou longo e tendido, facendo un repaso da súa obra e andanzas. O acto rematou coa entrega do premio a Quessada Porto.