Lugo artificial

OPINIÓN

María Pedreda

A provincia de Lugo converteuse estes días no centro dun debate arredor da IA. É lícito empregala para o deseño de campañas de promoción da actividade municipal? Estamos no comezo dun longo período de adaptación no que teremos que decidir, como sociedade, cales son os límites. Ante avances tecnolóxicos previos, as actitudes de resistencia foron un dique fronte á marea: podían atrasar o avance, pero a realidade acababa arrasando o muro de area. Poderiamos hoxe defender os postos dos expertos en taquigrafía que transcribían os xuízos? Hai traballos que agora asumimos con normalidade que faga unha máquina, como acontece nas peaxes ou, cada vez máis, nas gasolineiras.

Sempre pensei que liberar man de obra de tarefas rutineiras permitía melloras sociais: trasladala a aqueles lugares onde importa ter un ser humano. Agora o desafío é maior. É aí onde sentimos que se cerne a ameaza. Que precisamos ilustrar unha actividade do San Froilán, por pór un caso: velaí a IA que xera unha imaxe e non nos reclama directamente pagamento nin recoñecemento de autoría e pode evitar problemas derivados, por exemplo, da aparición dun menor. E os ilustradores? E os artistas?

O xadrez foi pioneiro: Deep Blue fronte a Kasparov no século pasado; AlphaZero hoxe. Xa non soñamos con enfrontar a Magnus Carlsen co módulo a ver se consegue gañarlle. E, con todo, hai máis xogadores ca nunca, e os torneos proliferan. Controlando, iso si, que os xogadores non empreguen o módulo. Que sexan dous cerebros os que se poñen fronte a fronte. O mundo vai cambiar. Coa nosa imperfección e a nosa fraxilidade seremos a xeración que decida de que xeito a IA modelará o futuro.