Discrepo dunha decisión xudicial que quebra o dereito de calquera galego a votar. Non comparto a medida que adoptou o Tribunal Supremo, que amputa o dereito á participación política dos meus concidadáns.
Vénme á memoria a emoción dos emigrantes na miña visita á Arxentina e ao Uruguai pola Lei de Memoria Democrática, que repara unha inxustiza incuestionable. Moitos dos seus avós, obrigados a marchar, perderon a nacionalidade, e moitas mulleres perdérona só por contraer matrimonio con nacionais doutro país. Un Goberno e unha maioría parlamentaria decidiron no 2022 poñer fin a este agravio. E entendo a enorme decepción que sentirán hoxe ante esta incomprensible volta atrás nun dereito que crían xa recoñecido.
Sementaron ventos e agora recóllense tempestades. A emigración non librou da deriva extrema das dereitas, do PP e de Vox. Feijoo, co apoio de Rueda, sementou a discordia apostando por recortar os dereitos de quen vive fóra, e o Supremo acorda agora unha medida cautelar pola que, de feito, se crea unha categoría de españois que non teñen dereito a votar. A súa responsabilidade —promover con mentiras e loiadas a sospeita de fraude sobre a colectividade galega espallada polo mundo— non se disimula nin intentando agocharse detrás das togas.
Para Galicia é un duro golpe. O acceso á nacionalidade dos netos de galegos e galegas é de xustiza, e expresa tamén recoñecemento e gratitude, moi presentes no sentir do país. Todos nos sentimos emigrantes porque vivimos a emigración en primeira persoa: tanto os que se foron coma os que na nosa terra sentiron a súa ausencia. Ninguén en Galicia imaxina sequera que un neto non é de onde eran os seus avós. Seguro que se me entende moi ben.
Penosa é a triste figura dun presidente da Xunta como Rueda promovendo a campaña desatada polo expresidente Feijoo contra unha parte de quen forma ese formidable capital humano que representa a emigración, especialmente para Galicia.
Que non se sintan abandonados os galegos que viven por todo o mundo. Os socialistas promovemos un dereito que levaban medio século reclamando e seguiremos loitando para que o poidan exercer plenamente. Sen restricións. Coma os demais.