España sen auga

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

Recordo unha viñeta de Mingote na que un medio informaba: «Continúa la pertinaz sequía. El Gobierno, culpable». O Goberno era socialista e o presidente un Felipe González atacado e calumniado pola prensa patriótica, de aí que o honesto Mingote ironizase sobre a campaña. O certo é que ata agora os humoristas trataron moito a choiva e case nada a seca, pero é lóxico porque a pertinaz seca é unha traxedia, e o exceso de choiva fonte de inspiración para cómicos.

Tampouco os poetas falan da seca. Poucas cousas haberá máis antipoéticas que a seca nin tan líricas como a choiva. A min paréceme que quen mellor a describiu foi Lorca no verso «La lluvia tiene un vago secreto de ternura», e quen mellor expresou ese secreto tenro foi Rosalía cos versos máis sinxelos: «Como chove miudiño, / como miudiño chove», que, por aquilo dos matices emocionais dos idiomas, traducidos ao castelán resultan ridículos.

Ilustres visitantes concordan en que a choiva en Galicia é moito máis que un fenómeno meteorolóxico e pensan que condiciona o noso carácter, a nosa filosofía de vida e o noso humor. Nós sabémolo e por iso a chamamos con setenta nomes e temos varias ducias de refráns sobre ela e só un par sobre a seca. Dous son expresión perfecta do noso peculiar humor: «Nunca chove a gusto de todos» e «Nunca choveu que non escampase».

A primeira vez que García Márquez visitou Galicia choveu e os seus anfitrións non deixaban de lamentalo. El escribiu: «Galicia sin lluvia hubiera sido una desilusión. Andábamos por entre esta lluvia como por un estado de gracia».

Isto da seca é novo para nós e pode que debamos pensar en sacar os nosos santos en rogativas pro pluvia, como levan facendo en media España polo menos desde o século XIV. En moitas vilas dedícanlles pregarias e coplas populares que encantarían a don Antonio Machado, pero se fallan e non chove tiran as imaxes ao río para que espabilen. Franco combateu a seca cos pantanos. Entre 1940 e 1967 fixo máis de 300 e converteu España nun dos países do mundo con máis encoros por habitante. O malo é que adoitaban estar ao 14 % de capacidade e, o peor, que non todos lle saíron ben. O de Xuriguera, en Tarrasa, derrubouse en 1944 e morreron sete persoas; e o de Vega de Tera, en Sanabria, estoupou en 1959, destruíu a vila de Ribadelago e deixou 144 mortos.

Hai corenta anos, millóns de mozas suspiraban en España por Alberto Vázquez Figueroa, presentador en TVE, novelista de éxito e submarinista colaborador de Cousteau. Todo lle ía de fábula ata que inventou un sistema para desalgar a auga do mar e darlle uso doméstico. Presentoullo ao presidente Zapatero, que se comprometeu a utilizalo e instouno a fabricalo, pero deixouno mangado e na ruína. Figueroa di que o seu proxecto é bo e que non hai negocio máis sucio que o da auga. O primeiro non o sei, pero o segundo, despois de ler ampla información, créollo a ollos pechos.