Diante dun cadro de Luís Seoane

Víctor F. Freixanes
VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Un mozo migrante durmindo na rúa tras as entradas masivas dende Marrocos.
Un mozo migrante durmindo na rúa tras as entradas masivas dende Marrocos. Violeta Santos Moura | REUTERS

Lembro unha longa conversa co pintor, unha tarde, na súa casa coruñesa, falando da emigración. Aínda que el nacera en Bos Aires, os seus pais viñan das terras de Arca, en Arzúa, a súa nai sobre todo, e moi cedo o enviaron a Galicia para que o rapaz se escolarizase no país. Os emigrantes que podían enviaban daquela os fillos á terra, para que non perdesen as raíces, e o pai de Seoane algúns cartos fixera. O artista formouse en Santiago e iniciou algúns traballos de avogado na Coruña. Mais a guerra derramou todos os proxectos, os soños, as ilusións, e como tantos outros acabou tomando o camiño do exilio, no seu caso por Portugal. Era un privilexiado. Así se sentía. Pero tiña consciencia e memoria do que pasaran os seus compañeiros e as dificultades daquela para entrar no país.

Primeiro a guerra de España e logo a Segunda Guerra Mundial cerraron fronteiras, que xa viñan castigadas dende os anos da Primeira Guerra, cando milleiros de europeos abandonaron o vello continente buscando amparo na outra beira do océano. Bos Aires pintaba entón coma o París de América, disputando o liderado a Nova York, e os emigrantes, que en moitos casos eran refuxiados, igual que agora, amoreábanse nas cubertas dos barcos petando nas portas daquel mundo novo, cheo de incertezas, mais tamén de esperanza. Seoane, igual que Neira Vilas despois, viña moi marcado por estas historias, capítulo decisivo da súa xeración.

Mais mentres falabamos, diante de nós había un cadro moi especial: un cadro distinto que axiña chamou a miña atención. Era o retrato dunha muller maior, de faccións sen concretar, que termaba dun letreiro contra o peito e un texto redactado en francés, cun enderezo de Xenebra, en Suíza. Daquela a emigración xa empezara a desprazarse cara a Europa, que demandaba man de obra despois da guerra, e a muller, que era analfabeta, viaxaba dende unha aldea galega para reunirse cos seus fillos. No letreiro pedíase aos outros viaxeiros que a informasen de que tren tiña que coller, a que hora, a oficina de billetes na que debería chamar, a cola de acceso aos vagóns… A mulleriña non sabía outra lingua máis cá da casa, e perdeuse. Foron moitos días de confusión e abandono. «Ficou completamente tola», comentaba Seoane. «Nin sabía quen era nin recoñecía a ninguén». Acabaron mandándoa de volta e ingresárona nun hospital psiquiátrico. Os fillos nunca deron con ela.

Teño diante de min a noticia deses milleiros de rapaces que veñen petar na porta no primeiro mundo, o mundo dos milagres, que é o mundo da supervivencia. Alguén dirá que daquela os camiños cara á Europa viñan oficialmente regulados. Había de todo. Igual que en América. Mais o drama é o mesmo. E se hai que regulalos, regulémolos, que nos vai a todos a vida, e o futuro. Aínda que só sexa pola memoria dos avós.