Carta a Neira Vilas, o escritor que gardou a aldea galega na maleta de emigrante

FUGAS

Pinto & Chinto

Aos 12 anos foi carteiro e talvez por iso sempre fixo de ponte. Aos 20 chegou a Buenos Aires e na distancia aferrouse á lingua de Balbino para iluminar como un faro o camiño de ida e volta. Así foi a vida do autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas 2027

24 jul 2026 . Actualizado a las 15:16 h.

Querido Pepe,

Ninguén nos escribiu cartas tan fermosas e cheas de verdade como as que ti nos deixaches nos teus libros. Tal vez se deba a que, entre os doce e os catorce anos, fuches carteiro, porque teu pai rexentaba a estafeta postal da comarca e ti levabas e traías misivas e outros papeis tres veces por semana, cruzando corredoiras e carreiros enchoupados. Eras a ponte entre os teus veciños e aqueles familiares que marcharan á emigración, o fío que unía as vidas separadas pola distancia. Non poucas veces facías de escriba e poñías palabras aos seus afectos, ás súas saudades e ás súas esperanzas. No museo da túa casa aínda se conserva aquela carteira de coiro duro de boi que empregabas e que despois herdaron os teus irmáns. Nela semella quedar gardada unha parte da memoria dun tempo. Quizais por iso hoxe decidín que tamén era unha maneira de homenaxearte escribirche unha epístola: a ti, que mantiveches correspondencia con tanta xente durante os máis de corenta anos que viviches lonxe de Galicia, como ben testemuñan as Cartas de vellos amigos. Asentaches en Buenos Aires con apenas vinte anos e traballaches sen descanso, ao tempo que estudabas. Alí rillaches as codias resesas do pan que o demo amasou, como acostumabas dicir. E canto máis lonxe estabas de Gres, máis te sentías de alí; cantas máis persoas coñecías doutras latitudes, cantos máis acentos aprendías a identificar, con máis forza arraigaba en ti o galego. Un día comezaches a escribir na lingua en que tatarexaches as primeiras palabras entre os palitroques do teu berce de freixo, aquel que teu pai fixera para ti e que despois herdarían os teus irmáns. Adormecías ao son de cántigas que nada tiñan que ver cos tangos e que tantas veces volveron á túa memoria durante aquel desterro. A túa lingua converteuse nun mastro ao que aferrarte, nun faro que iluminou o teu camiño alén mar. Por iso axiña procuraches a colectividade galega, para non esluírte naquela inmensa cidade que te acollera con xenerosidade, pero na que ti, por riba de todo, querías seguir sendo Pepe de Gres. Levabas apenas dous anos en Buenos Aires cando te fixeches socio do Centro Galego para ter asegurada a asistencia médica. E foi alí onde descubriches moito máis ca un servizo sanitario: atopaches unha biblioteca e persoas que falaban de Castelao, de Bóveda, do galeguismo que descoñecías porque a ditadura o borrara das escolas e da memoria colectiva.

Coa ansia de recuperar aquela historia que sentías túa e que che fora secuestrada, organizastes un faladoiro nun recanto daquela biblioteca. Sen apenas descanso, ao ano seguinte constituístes as Mocedades Galeguistas no exilio e entregácheste a un labor de difusión tan constante como xeneroso. En 1954, o Centro Galego convidou a quen, co paso dos anos, sería un dos teus grandes amigos: Francisco Fernández del Riego. Unha comitiva fostes recibilo ao aeroporto e, sen pensalo dúas veces, entoastes o himno galego, ao que don Paco se uniu de inmediato. Naqueles días adquiriches o compromiso de distribuír os libros que publicaba Galaxia. Daquela semente naceu Follas Novas, a libraría que ti e Anisia fundastes o 15 de xullo de 1957. Para entón xa casarades e viviades na rúa Asunción, 3035. Alí instalastes tamén a libraría, converténdoa nun porto de chegada para a cultura galega en Buenos Aires. Dende o primeiro día foi moito máis ca un negocio: era un acto de compromiso co país. Mesmo destinabades unha parte do que gañabades á Biblioteca Nacional para que a literatura galega ocupase tamén o lugar que lle correspondía nos seus andeis. 

 Ninguén nos conectou tanto coas nosas raiceiras, con aquel rural que seguimos recoñecendo mesmo os que nacemos nel moitos anos despois. Ningún personaxe nos marcou tanto como Balbino, a quen ti lle deches voz e existencia ata convertelo nun de nós. Moitos quixeron ver en Balbino o teu propio retrato. Mais, mentres el quedou na aldea, ti embarcaches cara a América con apenas vinte anos. Foi alí, unha década máis tarde, onde empezaches a escribir a inxustiza de nacer pobre, de vivir sometido ao poderoso, de ter que baixar a cabeza diante de quen mandaba. Mais tamén narraches a dignidade de quen se ergue fronte á inxustiza. Balbino comezou a escribir como maneira de salvarse. Ti fixeches o mesmo: convertiches a escrita nun refuxio, nun lugar ao que regresar sempre, por moi lonxe que estivese Gres. Era a primavera austral de 1960. No barrio bonaerense de Villa Urquiza, no café La Vieja Viena da rúa Cullen, entrabas cada tarde co teu portafolios de coiro marrón e sentabas diante dun caderno riscado. Así un día e outro, e outro máis. Aquelas horas o local permanecía case baleiro. Ti pedías un café ou un refresco e escribías. Evencio era quen te atendía. Viñera dunha aldea ourensá e observaba con curiosidade aqueles folios que ían medrando día tras día. Axiña advertiches o seu interese e décheslle a ler as primeiras páxinas, pero decatácheste de contado de que apenas sabía ler. Dende entón, antes de marchar, líallas ti mesmo en voz alta. Sen pretendelo, Evencio converteuse no primeiro lector, ou mellor dito, no primeiro ouvinte de Memorias dun neno labrego. Despois chegou Anisia. Ela, que tamén fora unha nena labrega ata os nove anos, entre a manigua cubana, recoñeceu de inmediato a verdade daquela historia. Poucos días máis tarde subistes ao duodécimo andar dun edificio da rúa Reconquista, onde Rafael Dieste vivía con Carmen Muñoz.

A Dieste abondoulle un día para devorar o manuscrito e dicirche que lle encantara. A sorpresa foi grande, porque non era home dado aos eloxios. Falouche con entusiasmo da forza coa que retratabas a vida labrega, da fondura psicolóxica de Balbino e pediuche poder entregarllo a Luís Seoane. Este propúxoche publicalo na editorial Citania, que dirixía. Ti, porén, xa tiñas decidido que vise a luz baixo o selo de Follas Novas. Seoane aceptou a decisión e agasallou o libro coa cuberta. Como un presente adiantado de Reis, Memorias dun neno labrego chegou ás librarías o 5 de xaneiro de 1961. Tras doce anos de vida porteña, o 30 de xuño dese mesmo ano marchaches para Cuba con Anisia. A revolución acababa de triunfar e queriades vivir aquel proceso de transformación que espertaba tantas esperanzas. Permanecestes na illa trinta e un anos, onde desempeñaches múltiples oficios, sen deixar nunca de ser un activista da cultura galega.

Dirixiches unha revista mensual para nenos da que se chegaban a publicar miles de exemplares. Ti comprendiches antes ca moitos que o amor polos libros nace na infancia. Por iso lle pediches ao teu amigo Francisco Fernández del Riego que Galaxia impulsase a literatura infantil en galego, e así foi. Mentres tanto, ti dabas ao prelo Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo ou Espantallo amigo. Para ti era unha maneira de descansar da narrativa realista, das historias de emigrantes que retrataches en Camiño bretemoso, Historias de emigrantes ou Remuíño de sombras. Son moitas as obras túas que enchen os andeis, mesmo as publicadas despois da túa morte, porque nunca deixaches de escribir. Ata o último día. O vindeiro ano o Día das Letras Galegas levará o teu nome. Non sabes a alegría que espertou a noticia, seguindo o ronsel de Begoña Caamaño. Ben sabes que os libros, cando son verdadeiros, renacen en cada lectura. Por aquí botámoste de menos, pero seguimos a gardar a memoria e a renovar o compromiso coa lingua e co país que tanto amaches. Volveremos a Gres para abrazarte.