Os incendios parecían unha desgraza exclusivamente nosa. Galicia ardía e o resto do país miraba con preocupación cara ao noroeste. Xa non. O mapa énchese de puntos vermellos de norte a sur. Os incendios deixaron de ser unha excepción para convertérense nun problema de todos.
E, coma sempre, comezan as explicacións: as chuvias do inverno fixeron medrar a vexetación, as temperaturas baten récords, o vento...
É certo, pero hai unha diferenza enorme entre explicar un problema e resignarse a el. Non podemos baixar a temperatura do planeta cun interruptor nin decidir cando chove. De nós depende asumir, dunha vez por todas, que o cambio climático non é unha hipótese, senón unha realidade coa que convivir. Depende de nós adaptar a xestión forestal a esa nova realidade. Depende de nós limpar, ordenar, coidar e prever.
A prevención non sae nos informativos, non abre os telexornais unha brigada rozando un camiño. Non vende. Ocupan portadas as lapas de vinte metros, os helicópteros e as aldeas evacuadas.
A prevención é silenciosa. O incendio, pola contra, fai moito ruído.
O ano pasado, cando o lume cobrou vidas humanas, pensei que algo cambiaría, que nos obrigaría a reaccionar; era o punto de inflexión que prometemos. Pero non.
Pasou o inverno, chegou a primavera e seguimos instalados na comodidade. Sen actuar coa determinación que require o problema, sen limpar o monte, sen coidar a masa forestal que cada ano soporta condicións máis extremas.
E saben que? O próximo ano volverá outro verán.