O nivel da ciencia e tecnoloxía galega non deixa de medrar. Cando un bota unha ollada polo miúdo á vida dos grupos de investigación que temos aquí e ao tecido de empresas de base tecnolóxica que os rodea descobre unha Galicia moi distinta das imaxes tópicas coas que adoita identificarse a nosa terra.
Os premios nacionais de investigación son, nestes últimos tempos, un indicador simbólico desta nova realidade. Concédense en dez categorías e dous deles acaban de recoñecer persoas formadas e activas na nosa comunidade. Trátase dun fito de enorme mérito, porque España é moi grande e ten unha clase investigadora con elites cada vez máis consolidadas internacionalmente. Ademais, ocorre algo semellante ao que sucede noutros eidos: a maior parte do tecido científico concéntrase nas áreas de Madrid e Barcelona, con Valencia gañando peso. Precisamente alí se formou e traballa José Antonio Sobrino, de orixe galega e tamén premiado.
De Ángel Carracedo, galardoado na área de medicina e ciencias da saúde, polo seu traballo no eido da medicina forense e a xenómica, tan só dicir que o raro é que non llo tivesen concedido antes. No caso de Carmen Álvarez Lorenzo, galardoada na área de ciencias físicas, dos materiais e da terra, recoñécenselle as súas achegas en materiais biomédicos. Son compañeiro de Carmen no Instituto de Materiais da Universidade de Santiago (Imatus), que ela dirixe, e todos alí somos testemuñas no día a día da súa excepcional capacidade de traballo e sacrificio. Parabéns Ángel e Carmen!