Ruídos e copas

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Marc Cucurella y Luis de la Fuente, tras la victoria de España ante Austria en el pasado Mundial.
Marc Cucurella y Luis de la Fuente, tras la victoria de España ante Austria en el pasado Mundial. Lisi Niesner | REUTERS

O Mundial non comezou entre aplausos, senón coa polémica arredor do partido contra Cabo Verde. Volveron as dúbidas, as críticas, os «xa o dicía eu». Coma se o fútbol fose unha ecuación matemática. E non, segue sendo fútbol. A súa grandeza reside niso: un equipo pequeno pode derrotar un xigante, un balón bate nun pau e cambia unha historia, e o favorito non sempre gaña.

Eu iría máis atrás, ao día no que Luis de la Fuente foi nomeado seleccionador. Cantos apostaban por el? Infinitamente menos dos que hoxe o ovacionan. Parte da desconfianza nacía dun erro habitual: confundirmos a discreción coa debilidade. Vivimos fascinados por quen fala alto, pola arrogancia; confundimos seguridade con soberbia, liderado con espectáculo, autoridade con ruído.

Mentres, un home tranquilo, de palabras medidas, sen alardes innecesarios, foi facendo o seu traballo sen grandes titulares, frases lapidarias nin venderse coma un xenio. Simplemente, traballando. Esta é a forma de liderar máis difícil. Esixe soportar as críticas sen responder a todas e seguir convencido do propio camiño. Por iso, entre todas as imaxes da celebración, dos fogos artificiais e as festas, quedo coa dun adestrador que, despois de levantar a copa do mundo, dá media volta e mira aos seus xogadores para dicirlles unha única palabra: Grazas.

Hai quen necesita que todo xire arredor e hai quen alcanza o máis alto sabendo que o éxito nunca é dunha soa persoa. A maior lección deste Mundial é que as voces máis baixas tamén fan historia. Ás veces, quen menos presume é quen máis acaba conseguindo. O ruído chama a atención, pero é a discreción a que, de cando en vez, acaba levantando a copa.