Cando nos días de festa o meu pai abría unha botella de viño, viño da casa, vendimado na horta da avoa Ermelinda, e o escanciaba na xerra, o mundo todo enchíase dun perfume especial. Uvas caíñas e albariñas. Nunca esquecín ese perfume. Por máis que agora se traballa moi ben a ciencia do viño, cuns resultados magníficos, ese perfume acompáñanos case que dende a noite dos tempos, e sospeito que seguirá acompañándonos sempre. Algo así sucede coas palabras: a vella lingua dos avós, que en moitos casos os netos (e as netas) tivemos que recuperar. Tamén as palabras teñen perfume. Sobre todo as primeiras palabras.
Estes días celebramos a Begoña Caamaño, unha mociña que naceu nun barrio de Vigo nos anos 60, en plena transformación social da Galicia contemporánea: a Galicia que desenvolve un proceso de industrialización acelerada polo cal, en pouco tempo, apenas nun par de xeracións, baléiranse as aldeas, extravíanse as antigas formas e unha parte moi importante da poboación rural se concentra nas cidades. Ese proceso é moi recente. Barrios enteiros, coma o de Coia en Vigo, onde Begoña pasa a adolescencia, son produto dese tempo. Territorios de aluvión, poboados maioritariamente por familias de clase obreira. Así naceu unha nova xeración de rapaces e rapazas a cabalo dos dous mundos, que conformaron (e conforman) unha nova sociedade.
Cando no ano 2021 asumín a presidencia da Real Academia Galega, na miña primeira intervención diante dos medios de comunicación dixen abertamente que eu era neofalante, fillo dese tempo ao que fago referencia: mozos e mozas criados en castelán nas cidades, que nalgúns casos tiñan un pé na aldea, ou nos territorios periurbáns nos que a memoria da aldea non se perdera de todo, pero educados na lingua dominante, que era o idioma da Administración, do ensino, da cataquese, do médico, do señor alcalde, do prestixio e do diñeiro, mesmo a lingua para empezar a mocear nas verbenas e nas primeiras discotecas. O profesor Alonso Montero contouno moi ben, achegándonos aos principios da sociolingüística: a lingua A fronte a lingua B, códigos menores e domésticos. Os nosos pais querían que os seus fillos e fillas (urbanitas) socializaran nese código de prestixio porque querían o mellor para nós. Para que serve o galego? A resposta levámola prendida no ADN colectivo.
Begoña Caamaño, cando chega a adolescencia, revólvese contra ese discurso e inicia o camiño da recuperación, reencontro coas vellas palabras da tribo, o perfume do viño que escanciaba o meu pai. Daquela inicia unha toma de consciencia, unha posición persoal (tamén ideolóxica) a prol do que ese perfume significa renovado, para incorporalo á contemporaneidade. Cada palabra nova que chegaba a nós, urbanitas neofalantes naquela Galicia dos anos 60 e 70, era un desafío e, ao mesmo tempo, unha descuberta.