Como facía Borges, teño o costume de comezar todos os días lendo unha entrada da enciclopedia. Xa saben, ese invento ilustrado no que se pretendía compendiar todo o coñecemento que existía para poñelo ao alcance da xente e así, en palabras de Kant, conseguir a maioría de idade e, de paso, librarnos das autoridades que nos queren sempre sumisos e escravizados. O escritor arxentino facíao coa Enciclipaedia Britannica. Eu, coa Wikipedia, que non ten tanto glamur pero me entra no móbil. E así, grazas a este hábito mañaneiro, descubro cousas apaixonantes, curiosas, absurdas, interesantes e, en fin, coñecementos que, quen sabe, igual algún día me son útiles se vou a Pasapalabra.
No día en que escribo estas liñas, a Wikipedia suxeriume unha entrada na que fala do trastorno narcisista da personalidade. Antes, non lles dixen, leo sempre a prensa. Sonlles un deses homes maduros que aínda coida necesario ler un xornal ou dous para saír á rúa con garantías.
E unha cousa (o xornal) e a outra (a enciclopedia) uníronse na miña cabeza para permitirme entender que estamos gobernados (falo de Donald Trump, de Netanyahu, xente así) por persoas con ese trastorno narcisista da personalidade. Non perdan de vista que o narcisismo, esta clase de narcisismo, está catalogado en psiquiatría como unha enfermidade mental. Entre as súas principais características está a absoluta falta de empatía cos demais (ándalle aí preto a psicopatía) e a sensación de que son superiores. Pensemos en Donald, que sempre nos dá tanto xogo. Que é alguén cunha capacidade nula para empatizar coa xente está máis que demostrado. Para el o criterio de valor da xente (este non leu ao citado Kant, que dixo que a xente non ten prezo, senón valor; ben, eu creo que este, sen máis, non leu nunca nada) é o meramente económico. Unha persoa que cando comezou a (pen)última agresión israelí aos gazatíes sube un vídeo dicindo que vai facer un resort de luxo: un home que cando secuestra ao presidente dun país din que por fin van controlar ese petróleo, ou un home que cualifica a España como «perdedores» e o ameaza cun bloqueo só porque non se lle rin as grazas, un home así é unha persoa trastornada, incapaz de empatía e, polo tanto, como atoparán en calquera manual de psiquiatría (ou fagan coma min, na Wikipedia), resulta perigosa. Porque primeiro está el, segundo está el, e sempre, sempre, sempre, está el. Se lle segues o xogo dirá que es fantástico. Se te pos enfronte, se pode, acaba contigo.
Trump é así, e estou certo de que coñecen moitas persoas, na microvida de cada un de nós, que son así. Un psicólogo diríalles que se puxesen o máis lonxe posible. Pois iso, levado á política a grande escala, é o mesmo. De persoas así, canto máis lonxe, mellor.