Teatro electoral

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Carlos Martínez (PSOE) tras conocerse los resultados de las elecciones en Castilla y León.
Carlos Martínez (PSOE) tras conocerse los resultados de las elecciones en Castilla y León. Concha Ortega Oroz | EUROPAPRESS

22 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A noite electoral adoita ser un exercicio de ficción, un teatro. Todos gañan, todos melloran, todos fan lecturas positivas. Mesmo cando os números din outra cousa, sempre hai un xeito de retorcelos ata que encaixen nun relato amable.

Por iso sorprendeu escoitar a Carlos Martínez, calmado, como adoita. Sen estridencias nin xestos grandilocuentes. Case podería pasar desapercibido se non fose polo que dixo. Ao tomar a palabra, afirmou algo pouco habitual: que non era necesario mentir, non estaba contento. Non estaba contento.

Así. Sen máis. Sen adornos.

Erguín a cabeza do que estaba facendo. Durante uns segundos pensei que o mundo ía estoupar, que algo ía tremer, que saltarían as alarmas. Como mínimo, que alguén acudiría correndo a corrixir aquela anomalía. Un político recoñecendo que non gañou dabondo? Que o resultado non era suficiente? Rompía demasiadas normas non escritas.

Pero o mundo seguiu virando con absoluta normalidade, como se esas palabras non fosen pronunciadas. O planeta continuou o seu devir tamén sen estrondos nin catástrofes.

Entón unha queda pensando que, quizais, non era tan difícil. Que se pode falar con naturalidade, sen artificios nin escenografías preparadas, sen maquillaxe excesiva nin discursos inflados, sen esa necesidade constante de aparentar que todo vai ben, mesmo cando non vai.

Agarrémonos ben: a verdade, dita con calma, non fixo caer o ceo. Paréceme unha auténtica revolución.

Quen sabe, igual é que si existe outra maneira de facer política.