O 8M

sandra m.ª piñeiro vilas PRESIDENTA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO

OPINIÓN

Xoán Carlos Gil

09 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 8 de marzo naceu nas fábricas, nas rúas e nas folgas. Naceu da voz colectiva de mulleres que se negaron a aceptar que a desigualdade fose o seu destino. Naceu do cansazo das mans que cosían durante horas interminables, do ruído constante das máquinas, da fatiga acumulada de mulleres que traballaban en condicións durísimas e que, malia todo, decidiron levantar a voz. E hoxe esa voz segue viva.

Por iso o 8M non é só unha data simbólica. É, sobre todo, un exercicio de memoria. Memoria das mulleres traballadoras que abriron camiño nun tempo no que nin sequera se lles recoñecían dereitos básicos que hoxe consideramos evidentes. Mulleres que soportaban xornadas de doce ou catorce horas, salarios inferiores aos dos homes polo mesmo traballo e condicións laborais frecuentemente inseguras. Certo que a explotación afectaba a toda a clase traballadora, pero a precariedade cebábase especialmente coas mulleres.

E, con todo, foi precisamente neses espazos onde comezou a xermolar algo extraordinario: a conciencia colectiva das traballadoras. As mobilizacións de mulleres obreiras en diferentes cidades de Europa e Estados Unidos reclamaban algo que segue a ser profundamente actual: xornadas dignas, salarios xustos e dereito a participar na vida política e social.

A historia do 8 de marzo está profundamente ligada ao movemento obreiro. A proposta de instaurar un Día Internacional das Mulleres Traballadoras naceu como unha ferramenta de visibilidade e reivindicación. Non era unha celebración, senón unha chamada á conciencia colectiva. Un recordatorio de que as mulleres estaban presentes na produción, na economía e na sociedade, pero non nos dereitos.

Aquela reivindicación medrou co tempo ata converterse nun símbolo universal dunha loita que non pedía privilexios: pedía xustiza. Hoxe, máis de cen anos despois, o 8 de marzo segue sendo un día para lembrar os dereitos conquistados e tamén para mirar con honestidade o camiño que aínda queda por percorrer.

Os avances son innegables. A historia xurídica recente demóstrao. Non hai tanto tempo que existía a chamada licenza marital, que obrigaba a muller casada a contar coa autorización do marido para realizar actos tan básicos como traballar ou administrar os seus bens. A Constitución marcou un punto de inflexión ao consagrar a igualdade ante a lei e ao encomendar aos poderes públicos a tarefa de facer que esa igualdade sexa real e efectiva.

Con todo, a igualdade formal non sempre se traduce en igualdade material. Persisten desigualdades estruturais: brecha salarial, precariedade laboral feminizada, segregación ocupacional, dificultades de conciliación ou infrarrepresentación en espazos de decisión económica. E subsisten estereotipos culturais que condicionan oportunidades e expectativas.

O 8M segue sendo necesario. Non como un ritual repetido, senón como un recordatorio de que os dereitos non son irreversibles e de que a igualdade é unha construción colectiva que require compromiso social, institucional e político.

O 8M lembramos as que xa non están, as que sufriron a inxustiza cando apenas había palabras para nomeala, as que abriron camiño. E facémolo pensando nas que virán, e nunha futura sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria.