Galicia participa desde hai quince anos no programa de auxiliares de conversa, a través do que miles de nenos e mozos tiveron, e teñen, a oportunidade de mellorar a aprendizaxe de idiomas coma inglés, francés, alemán, portugués e mesmo chinés co apoio de persoas nativas que veñen desde sitios tan distantes coma Ohio ou Nova Deli a prestar servizo nas nosas aulas. Tan só este curso temos un total de 690 auxiliares de 19 países en 791 centros educativos de 238 concellos.
Grazas a iniciativas coma esta, na que o Ministerio de Educación coordina e fixa as regras de xogo e a Xunta de Galicia financia o 80 % cunha achega de 4,8 millones de euros, os estudantes galegos sitúanse hoxe como os de maior nivel de España en inglés, segundo o informe anual de Education First (EF).
Pois ben, lamentablemente, este escenario pode mudar de cara ao vindeiro curso debido á reiterada incapacidade do Goberno do Estado e ao desgoberno e as liortas internas entre PSOE e Sumar, que poñen en risco a continuidade deste programa en Galicia ante a ameaza de sancións millonarias como as que xa impuxeron en Andalucía e en Valencia.
Mentres desde a Xunta actuamos con responsabilidade e lealdade ao marco fixado polo Ministerio de Educación, que define estes auxiliares como persoas que participan nun intercambio cultural, desde a outra esquina deste Goberno, o ministerio de Yolanda Díaz esíxelles un contrato laboral cunha única finalidade: a de inflar artificialmente, e de xeito tramposo, as estatísticas laborais e, así, tratar de enganar unha vez máis á cidadanía.
A normativa actual e a actuación arbitraria do Ministerio de Traballo con inspeccións aleatorias en determinadas provincias como a que ten aberta na Coruña, abócanos a un expediente sancionador por cumprir cunhas normas que nos foron impostas desde o Goberno do Estado.
Galicia non pode tolerar esta nova afronta a un programa educativo de éxito e esiximos ao Goberno central que arranxe canto antes a inseguridade xurídica que el mesmo provocou pola incompetencia de dous ministerios e o pasotismo ante as reiteradas advertencias que lles trasladamos en múltiples ocasións.
Estamos xa en tempo de desconto e agardamos que desde ambos ministerios se poñan a traballar dunha vez por todas na procura dunha solución de cara ao vindeiro curso. De non facelo, o Goberno de Pedro Sánchez con Yolanda Díaz como cooperadora necesaria, serán os únicos responsables de privar a centos de nenos e mozos dun programa de aprendizaxe de linguas que é un símbolo máis da Galicia Calidade do sistema educativo galego.