A resistencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

28 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez queda menos xente sen perfil público. Sexas actor, deportista, colaborador televisivo ou mesmo escritor, tes cara para os demais. E voz! Unha voz que pode servir para moitas cousas, incluso para calar, pero xa non está ben visto.

Á xente gústalle falar, gústanlle os focos aínda que sexan pequenos, domésticos, de pantalla de móbil. Van contando éxitos, rutinas, hábitos, conviccións… e tamén recomendacións. Canto importan os libros, cales mercar, a que hora facer deporte, que exercicio é mellor, canta auga beber, que radiacións evitar, como vivir mellor...

O que facemos hai que contalo. Contalo absolutamente todo.

Entón me pregunto se realmente estas persoas se cren infalibles, ou perfectas, ou mellores ca os demais, ou simplemente sabias. Pensarán que descubriron unha fórmula universal que cómpre espallar? Non sei se hai tanto ego para repartir entre toda a humanidade.

Quizais non sexa soberbia, pode que tan só se trate de medo. Medo a desaparecer, a non contar, a non ser relevante. Pode que esa fervenza de consellos non sexa máis ca unha forma de autoaxuda encuberta, unha maneira de dicirse a si mesmos: «Vou ben», «fágoo ben», «importo». Inseguridade, vaia. Mentres nos coan os seus éxitos, quizais só estean buscando aprobación. A súa propia. Ás veces falar non é ensinar, nin axudar, nin iluminar, senón só unha forma máis ou menos elegante de pedir que alguén nos mire.

Nese balbordo constante, o silencio resiste humilde, escaso e alleo a calquera necesidade de aparentar.