As eleccións en Aragón deixaron unha mensaxe nidia, aínda que ninguén queira lela en voz alta: ningún dos grandes partidos saíu reforzado. Non houbo celebracións sinceras nin derrotas asumidas. Houbo, iso si, discursos calculados, palabras medidas e unha habilidade sorprendente para esquivar o esencial.
Non se escoitou un só mea culpa, unha reflexión honesta, un recoñecemento de erro, de desgaste, de afastamento da xente... Cadaquén buscou un culpable alternativo. Todo vale, sempre que a responsabilidade non recaia sobre quen toma as decisións.
Hai dúas explicacións posibles. Unha é que non sexan conscientes da situación que atravesan, que non vexan a fenda entre os seus discursos e a realidade. É profundamente preocupante, non se pode corrixir o que non se recoñece.
A outra opción é que sexan conscientes e prefiran ocultalo, diluílo. Nese caso, a pregunta é inevitable: pensan que somos parvos ou pretenden que o sexamos?
Ningunha das respostas é tranquilizadora. Gobernar sen conciencia ou facelo desde o engano é perigoso. A autocrítica tamén é política, aínda que non figure nos programas.
Sería saudable admitir erros, recoñecer límites, explicar cambios de rumbo. Finxir que todo vai ben cando os resultados din o contrario debilita.
Quizais algún día entendan que a sociedade non pide perfección, senón honestidade. Non queremos heroes nin salvadores, só representantes capaces de mirarnos aos ollos e falar con verdade.
Ese día, talvez, volveremos sentir que a política tamén nos pertence.