O entroido morreu por deixarse domesticar ?polas boas ou polas malas? e a obscenidade, a desvergonza, a liberdade, a risa do entroido auténtico finaron con el.
15 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Como son de aldea agraria matino que as festas colectivas relaciónanse coa agricultura. Inclúo o entroido porque as datas nas que se celebra son o último tempo de ocio previo á preparación das terras para o cultivo. Non o afirmo, porque o entroido ten que respectar a corentena da Coresma, e a Pascua non pode ser antes do 22 de marzo nin despois do 25 de abril. Cousas da lúa.
Os antropólogos non vén estes días como substitutos das saturnais romanas, senón con orixe cristiá na Idade Media. A etimoloxía é interesante. Entroido, ou antroido, nace dun latino introito, introdución, referido á preparación para a Coresma, corenta e seis días consagrados á penitencia, desde o Mércores de Cinsa ata o día da Pascua. Un período de abstinencia con semellanza coa do Ramadán. Carnaval —palabra non documentada ata 1495— vén de carne levare, quitar carne; a máis antiga carnestolenda, castelán, refírese tamén á prohibición de comer carne na Coresma. O entroido é tempo de engorde, de fartura, de carne en todas as acepcións, e contraponse ás privacións da Coresma: «Adeus martes de entroido/ adeus meu amiguiño/ ata domingo de Pascua/ non comerei touciño». Como nos di González Reboredo, en Galicia nestas datas «predominan as bromas, a inversión de valores, o bulicio e a alteración aparente da orde». E a tolerancia: os criticados han de respectar e consentir sátiras, retrancas e mordacidades.
Hoxe o sentido primixenio do entroido desapareceu, despois de ir esmorecendo nas zonas rurais. Agora é unha ficción urbana sen orixinalidade, idéntico na maioría dos Concellos, non sendo naqueles onde sobreviviron tradicións que poden ser obxecto de turismo —xenerais da Ulla, folións de Manzaneda, cigarróns de Verín ou pantallas de Xinzo—. Os carnavais de casino de primeiros do XX venceron á liberdade e rebeldía do entroido. E aqueles casinos son substituídos polos Concellos que desnaturalizan definitivamente o entroido en festas organizadas, a xeito de competicións.
As comparsas guiadiñas do carnaval
A palabra comparsa ven dun latino pararse con outros; e agora é polisémica, desde agrupacións de xente conxuntada con traxes rechamantes que entoan composicións musicais famosas con letra adaptada para a ocasión, burlesca e mordaz, pasando por actor que sae á escena teatral, sen falar, ou persoa que non participa nunha acción determinada. As do carnaval, máis que do entroido, non hoxe para ben ou para mal, son elementos alleos ao entroido galego xenuíno. Agora témolas guiadiñas que rivalizan por premios a mellor vestiario, mellor música, mellor crítica, tal cal se facía nos casinos: con orde, con identificación. Sométense a órganos administrativos —hainas que participan en competicións organizadas por varios Concellos— con asistencia compracente e publicitaria das autoridades. De considerarse vulgar e rústico, de xente pouco instruída, contrario á relixión, á orde establecida e ao poder, de ser prohibido e perseguido polas autoridades, o entroido pasou a quedar protexido e financiado e ata algúns declarados de interese turístico. O mesmo dicir dos desfiles de disfraces: calcadiños aos bailes de casinos da boa sociedade.
O entroido morreu por deixarse domesticar —polas boas ou polas malas— e a obscenidade, a desvergonza, a liberdade, a risa do entroido auténtico finaron con el.
Unha gastronomía que vai murchando
Da gastronomía do entroido perdura o cocido; o resto vai murchando. Desapareceron filloas de sangue, pedros e bandullos. Sobreviven follatos de fariña, ovo e leite, e case non se atopan as de folla de limón. Mantéñense as melosísimas flores e orellas. Recordo con agrado cando nos vestiamos, cada un como lle petaba, de choqueiros, con caretas feitas á man, e trouleabamos por San Vicente adiante. Os meus grupos adolescentes remataban nos Coupríns, na casa de Francisco e Sagrario —diciámoslle Sagraria—, onde nos convidaban con tanto agarimo ás orellas e flores máis saborosas do mundo e a uns vasos prohibidos de viño da casa, mentres, como se fose importante, facían por adiviñaren quen era cada quen daqueles mozos e mozas, suorentos, algúns collidos furtivamente da man, mirándose de esguello e sorrindo sen saberen ben se deberían quedar aínda ou marchar xa.