Elixir quen goberna a universidade é un dereito e unha obriga dos seus membros e tamén un privilexio. Poucas institucións teñen esa capacidade, fora das academias e as asociacións voluntarias. Non o teñen as administracións, nin as empresas. A autonomía universitaria enténdese como garantía de liberdade na creación de coñecemento. Xaora, a autonomía pódese usar ben ou mal, pódese elixir mellor ou peor, pero a universidade ten garantido o mecanismo para tomar as súas decisións.
Nas eleccións que o xoves van decidir o liderado da Universidade de Santiago dos próximos seis anos só hai candidatas. Nun virtuoso azar, só foron profesoras as que decidiron dar o paso de atreverse a dirixir a maior institución universitaria de Galicia, a que reúne a metade da investigación que se fai no país. Asentouse a idea —as universitarias asentárona— de que era hora que Santiago, despois de cinco séculos, tivera por fin unha reitora e esa vontade colectiva converteuse na decisión de cinco, ao cabo catro, candidatas. A campaña electoral desenvolvíase nun ton de debate e competencia, cunha ambición que podía definirse como non agresiva, daba a impresión que a ausencia masculina na competición eliminaba certos elementos de agresividade explosiva propios dalgunhas masculinidades. De súpeto, a metade da campaña, a universidade descubriu que non era unha burbulla neste tempo de manipulacións da opinión pública, vulneración de consensos adquiridos e malas artes na competición electoral. Son tempos nos que algúns homes séntense máis libres encarrapuchados. Historicamente a universidade distinguiuse por amolecer os peores efectos dos malos tempos e ser vangarda dos mellores. Iso explica a sorpresa, convertida na negativa a asumir as peores novas formas de manipulación.
Os retos das universidades para a formación das sociedades do futuro e a investigación científica son ben coñecidos, resúmense en dous: a adaptación ao cambio tecnolóxico da capacidade para formar os cadros científicos, profesionais e sociais mellor preparados; e a necesidade de facer unha investigación punteira, con tanto impacto no mundo como na contorna. A boa nova é que nesta campaña electoral, entre toda a fanfarra, apareceron propostas ambiciosas que nunca se fixeran con tanto realismo e que, co liderado adecuado e capacidade de execución estratéxica, poden garantir o futuro que precisa a maior universidade galega. Renovación hai.
Nunha institución nacional como a universidade é fundamental garantir bos relevos, pero a experiencia demostra que non é doado. Por mor da idade media do seu profesorado, a Universidade de Santiago ten a distinción de ser unha das máis envellecidas do Estado. Agora toca afrontar o relevo, é obrigado, pero hai demasiadas resistencias para facelo ben, para deixar os mandos. Nótase nesta campaña electoral. Cando no 2032 remate o mandato da reitora elixida agora, tocaranos xubilarnos aos de 1961, á primeira xeración da EXB-BUP, a que inaugurou a universidade democrática. Temos un mandato para axudar no relevo e contribuír ao futuro, en vez de reproducir modos vasaláticos e prácticas retardatarias que resisten do pasado. Todos temos tarefas.