Entre os estudosos da toponimia existe unanimidade á hora de definir a área galego-portuguesa (nomeadamente Galiza e o norte de Portugal) como unha das máis cohesionadas de Europa, a pesar de estar dividida por unha fronteira política de máis de oito séculos. E nin sequera é preciso ser lingüista para o advertir. Quen viaxa por Portugal comproba axiña que a maioría dos letreiros das estradas reproducen topónimos que lle son ben familiares, mesmo replicando a súa frecuencia (Outeiro, Souto, Vilar).
Existen varios grupos especialmente numerosos, ben presentes, sen ir máis lonxe, nos nomes dos nosos concellos: os fitotopónimos, con orixe en elementos vexetais (Camariñas, Carballiño); os orotopónimos, que describen elementos da paisaxe (Illa de Arousa, Laxe); e os topónimos antrópicos, que deixan constancia da intervención humana no territorio (Muíños, Pazos de Borbén). Porén, o que fai especialmente singular a toponimia galaico-portuguesa son os abundantísimos antropotopónimos que fan referencia a posuidores altomedievais de terras e que, a diferenza dos anteriores, nunca coinciden con palabras comúns. Destacan os terminados en -ín (Lalín, Verín) ou en -e (Beade, Moeche), en que a terminación latina de xenitivo (-i) se aplicaba a un nome propio para indicar posesión: o Villa Lalini, que deu lugar a Lalín, podería traducirse hoxe por Propiedade de Lalino, e o Villa Modesti, que deu Moeche, por Propiedade de Modesto.
Porén, hoxe en día esta unidade encóntrase oculta, pois a ortografía dá outro aspecto a moitos topónimos portugueses: Camarinha, Carvalhinho, Ilha, Laje, Moinhos, Paços de Ferreira, Lalim, Verim ou Veade. Desta maneira, un patrimonio común que nos debería unir acaba afastándonos. Pensemos en Carballiño/Carvalhinho ou en Pazos/Paços, tan frecuentes a un e outro lado da fronteira. Escritos de maneira diferente, non se identifican como sendo a mesma forma toponímica, polo que os portugueses que nos visitan perguntam polo Carbalino e moitos galegos din que van comprar móbeis a Pacos de Ferreira. Ou sexa, acaban desfigurando os topónimos como xamais se ouviran, nin aquí nin alí.