Renee Nicole Good

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

asd

31 ene 2026 . Actualizado a las 16:22 h.

É o nome da muller que morreu tiroteada por un dos 2.000 axentes do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas que a Administración Trump, no maior operativo da historia, enviou a Minneapolis para deter e deportar inmigrantes ilegais. Renee e Becca, a súa dona, activistas a prol dos dereitos civís, non pasaban por alí. Como outros manifestantes, estiveran ocupando rúas para dificultar a acción policial e fixeron soar os chifres para amolar as tropas. Facíano sen xenreira, conscientes de que os efectivos cumprían ordes. Por iso, cando as detiveron por obstruír o tráfico, Becca baixou e comentoulle con ironía ao axente Jonathan Ross —que rodeaba o vehículo gravándoo co móbil— que non trocaban as placas da matrícula cada día. E Renee, ao velo ante ela, sorriulle e díxolle amablemente: «Está ben, amigo. Non estou anoxada contigo».

Entón, apareceron dous gardas en actitude agresiva e, mentres un ordenaba a Renee «baixa do puto coche!», outro botouse á porta con intención de abrila. Ela tentou fuxir. Deu marcha atrás un metro, xirou o volante á dereita e saíu a pouca velocidade. O policía Ross disparoulle tres veces e matouna. Vin o vídeo e fíxenme unha pregunta: por que, no intento de fuxir, Renee recuou un metro? A resposta é doada: para esquivar o policía Ross, que estaba diante. A esa conclusión chegarán, sen dúbida, os investigadores do FBI; pero o vicepresidente Vance e a secretaria de Seguridade Nacional, Kristi Noem, acúsana de tentar atropelalo e cualifícana de terrorista. Trump demostrou unha vez máis a súa vileza ao describila como «terrorista doméstica, probablemente pagada». Porén, as autoridades locais din que Renee e Becca eran activistas pacifistas; expertos en seguridade cidadá afirman que o axente do ICE non estivo en perigo en ningún momento, e un xefe da policía de Minneapolis comentou na CNN que a traxedia puido evitarse se este dese un paso a un lado. Jonathan Ross, con experiencia profesional e varias veces condecorado, estivo de verdade en perigo hai seis meses, ao lle quedar un brazo pillado na xanela traseira dun automóbil conducido por un delincuente que o arrastrou un treito. O brazo mancouno, pero o dedo índice quedoulle lixeiro.

Renee Good tiña 37 anos e era poeta. Lin un longo poema seu, intimista e suxestivo, e quedei con estes versos: «Quizais aí / entre o páncreas / e o intestino groso / estea o pequeno regato / da miña alma». Non é mala localización para a alma dunha activista que se preocupa polos que foxen da fame. Por iso, remato cun verso de Octavio Paz para alguén que, coma ela, era de claro sorrir e caeu tamén abatido polas balas e o odio: «Has muerto entre los tuyos, por los tuyos».