Este domingo vota Portugal: o que Galicia debería aprender
OPINIÓN
Este domingo, Portugal celebra eleccións presidenciais nun contexto político que merece moita máis atención da que recibe en Galicia. Non só porque se trate do noso veciño inmediato, senón porque o que está a ocorrer ao outro lado da raia revela dinámicas políticas que en España serían hoxe practicamente impensables. E iso di moito tanto de Portugal coma de nós.
A primeira gran diferenza é estrutural. En Portugal, unha candidatura presidencial independente dos partidos non só é viable, senón que pode converterse no eixe central do sistema político. En España, unha hipótese así sería case ciencia ficción. Máis aínda resulta sorprendente que perfís tan definidos e autónomos como os de João Cotrim de Figueiredo ou Henrique Gouveia e Melo sexan capaces de reunir apoios amplos da sociedade civil e, ao mesmo tempo, adhesións de figuras históricas dos grandes partidos.
O caso de Gouveia e Melo é especialmente revelador. O almirante representa unha candidatura independente, con forte capital simbólico, baseada na idea de servizo público, disciplina institucional e sentido de Estado. O dato político clave é que conta co apoio explícito de Rui Rio, antigo líder do Partido Social Demócrata. Que un exdirixente dun gran partido apoie un candidato alleo á lóxica partidaria sería inconcibible no sistema español, fortemente encapsulado na dinámica orgánica e na lealdade interna.
Cotrim de Figueiredo, pola súa banda, encarna algo distinto, pero igualmente disruptivo. Supón un auténtico revulsivo para un sector do electorado da Aliança Democrática que percibe que Portugal precisa reformas profundas e inmediatas. O seu empurre político, especialmente no ámbito fiscal, administrativo e institucional, conecta cunha parte da sociedade que xa non se conforma coa xestión prudente. Para moitos votantes tradicionais da AD, Cotrim representa a enerxía reformista que o sistema necesita para non quedar estancado.
Fronte a estas candidaturas, o Partido Socialista presenta un perfil moi distinto. António José Seguro é probablemente o candidato socialdemócrata máis equilibrado do socialismo europeo contemporáneo. El mesmo reivindica a Felipe González como referente político, o que o sitúa nunha tradición reformista, pragmática e institucional. Seguro foi duramente castigado polo seu propio partido no pasado, pero ese percorrido confírelle hoxe unha transversalidade pouco habitual: arrastra simpatías tanto á esquerda como á dereita, e todo apunta a que ten boas cartas para ser o sucesor de Marcelo Rebelo de Sousa.
No espazo do centrodereita tradicional, Luís Marques Mendes representa unha versión claramente desvalorizada do rebelismo presidencial. Como Marcelo Rebelo de Sousa, aspira a ser popular, comunicativo e próximo, pero sen a ambición reformista necesaria. Unha candidatura a de Marques que vai en picado cara ao desastre electoral ante a desesperación do PSD. Esa falta de ambición contrasta co enorme esforzo que lle está a custar ao actual primeiro ministro, Luís Montenegro, sacar adiante reformas estruturais tan necesarias coma a descentralización de Portugal.
No extremo do sistema, André Ventura xoga a súa propia partida. Sabe que non será presidente, pero tamén sabe que cada proceso electoral insufla enerxía ao seu movemento. Chega funciona como canle de enfado e frustración dunha parte da sociedade portuguesa, aínda que politicamente resulte estéril e incapaz de ofrecer unha alternativa real de goberno, ante as reticencias do PSD a se entender con eles. Se cadra de aquí Núñez Feijoo tamén podería tirar algunha lección útil.
O verdadeiro debate destes días non é quen será presidente, senón se Cotrim logra ou non pasar á segunda volta. De aquí ás eleccións só restan dúas incógnitas políticas: a intelixencia e o sentido de Estado do almirante Gouveia e Melo, e o olfacto estratéxico de Luís Montenegro para decidir se convén apoiar a un Cotrim de Figueiredo cada vez máis asediado, pero tamén máis decisivo.
Desde Galicia deberiamos extraer unha lección fundamental. En Portugal, con todas as súas limitacións, o voto segue estando ligado a programas, accións de goberno, valores e compromisos. Non a siglas convertidas en fin en si mesmas. Quizais por iso o sistema luso permite unha pluralidade real de liderados e unha relación máis madura entre cidadáns e política.
Mirar a Portugal non é un exercicio de curiosidade. É unha necesidade estratéxica. E, tamén, unha oportunidade para aprender que a democracia non debería ser un pandeiro ao servizo dos partidos, senón unha ferramenta ao servizo do país.