Día da Ilustración

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

31 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, 30 de xaneiro, data do nacemento de Castelao en 1886, celebrouse o Día da Ilustración, e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Consellería de Cultura honráronme nomeándome Ilustrador do ano 2026, distinción que agradezo de todo corazón. Ante as autoridades, os colegas, os moitos amigos que acudiron ao acto e o busto do Castelao, que reproduce en poliéster o da Praza do Humor de A Coruña, intervín para agradecer o premio e facer a laudatio do meu antecesor e amigo Xosé Vizoso, excelente grafista e sobre todo extraordinario deseñador das cerámicas de Sargadelos. Discípulo desde rapaz de Isaac Díaz Pardo, acadou axiña a confianza do mestre e moitas das mellores pezas saídas da fábrica foron súas. No Museo de Arte Moderna de Nova York están os seus galos, creación suprema da cerámica artística. Vizoso foi o primeiro homenaxeado en vida no Día da Ilustración, pero morreu pouco despois e eu prometín non morrer no 2026 para non gafar o premio. E vouno cumprir porque, malia ser de saúde remendada, teño vocación de enfermo crónico.

 

Despois falei da arte da ilustración. Falei do talento de xente das cavernas, que estilizou as figuras dos animais a cazar cun mínimo de riscos. Dos exipcios, que procuraron o súmmum da beleza plástica presentando as figuras humanas en planos diferentes. Dos gregos e romanos, que tamén sentiron a maxia da liña. E falei de cando, no século IV, o emperador Teodosio declarou o cristianismo relixión oficial do Imperio, prohibiu o paganismo e apareceu o problema: os cristiáns non creaban imaxes do Deus pai, nin do Cristo, nin dos santos, porque Yahvé prohibírao no Éxodo: «Non farás escultura, nin imaxe ningunha do que hai arriba, nos ceos; nin do que hai abaixo, na terra; nin do que hai nas augas, debaixo da terra. Non te prostrarás ante elas, nin lles darás culto, porque eu, Yahvé, son un Deus celoso». Os bispos entenderon que ao pobo romano, afeito a adorar centos de deuses con cadansúa representación, non lle sería doado adorar un só, que nin sequera tiña imaxe, e transixiron coas iconas a condición de que só servisen para reforzar a mensaxe divina. Isto supuña a prohibición de figuras realistas, polo que os artistas cristiáns tiveron que esquecer a perfección acadada polos devanceiros, volver ao primitivismo e inventar a arte románica. Foi o primeiro colectivo de ilustradores e deles vimos.

A ilustración como hoxe a entendemos agromou co Modernismo e en Galicia tivo especial relevancia nas primeiras décadas do século XX, coa pléiade de artistas que xurdiron arredor de Castelao. Quizais sexa imposible acadar aquel nivel, pero hoxe temos tantos e tan bos profesionais que non esaxerarei se falo doutra idade de ouro da ilustración galega. A todos eles, grazas una vez máis.