Marchar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

04 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasadomañá acabáronse as festas, e ao igual que chegaron, alá marcharon. Un Nadal máis, un Nadal menos.... O ritmo do tempo durante estas semanas é algo que aínda non son capaz de comprender ben. Expándese e contráese segundo o día e as circunstancias. Ás veces sinto que non dá chegado o momento, e outras veces sinto que o momento pasou tan rápido que non sei se fun quen de dixerilo.

Para os que vivimos a cabalo entre dúas realidades, dúas cidades ou dous países; para os que temos seres queridos nun lugar diferente ao lugar no que moramos, e ademais temos a fortuna de poder pasar con eles as festas, semella que o tempo ten vida propia. No meu caso, en decembro, esperaba contando os días para poder abrazar á miña nai (e ás miñas irmás, e ás miñas sobriñas), días que, canto máis se achegaba a viaxe de ida, parecía que se facían mais longos. E de súpeto chegou xaneiro, e no momento de facer a maleta de volta a esoutra vida paralela penso que eses días desexados pasaron tan rápido e foron tan frenéticos que, a pesar de que desfrutei de momentos realmente fermosos coa miña xente, semella que foi antonte cando cheguei á casa da miña nai chea de ilusión por pasar tempo xuntas, cando a realidade é que pasadomañá marcharei chorando coa sensación de que por moito que for, non foi suficiente.

O tempo fai iso. Estírase, encóllese. Canto máis rápido queres que pase, máis lento vai, e canto máis lento queres que flúa, voando vai, coma un suspiro. Pensei que despois de dúas décadas vivindo entremedias, practicando ese chegar e marchar, sería capaz de dominalo, pero a realidade é que cada día son máis consciente de que cos anos esa sensación non mellora...