Rematei a marea da pasada semana, dedicada a Ramón Otero Pedrayo, cun cualificativo que é alento e, ao mesmo tempo, define o persoeiro: dignidade. Dignidade de ser e de conducirse na vida, nunha época de tanta axitación, traxedia e reviravoltas como foi o século XX. A biografía de Otero, conservador, galeguista e republicano, liberal e demócrata, é dunha coherencia e dunha integridade certamente exemplares. Contemplada dende a distancia non se me ocorre outra cualificación: dignidade.
Mais daquela demandaba no meu artigo a necesidade dunha biografía do señor de Trasalba, alén de obras parciais e de divulgación que coñecemos: unha biografía que deitase luz e documentación sobre un tempo especialmente significativo e uns personaxes (a xeración Nós e o seu contexto) que certamente marcaron a personalidade intelectual do galeguismo e, por extensión, unha gran parte do pensamento cultural e político da Galicia democrática. De Castelao imos sabendo cousas. De Otero Pedrayo non tantas.
E velaquí que volve ás miñas mans un texto que inicialmente foi discurso de ingreso na Real Academia Galega e mais tarde, bastante ampliado, unha publicación da RAG e a Fundación Otero Pedrayo. Refírome ao libro de Ramón Villares Fuga e retorno de Adrián Solovio (2006), subtitulado «Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista»: unha viaxe polo proceso de formación do señor de Trasalba a partir da novela máis significativa do que el mesmo algunha vez denominou o seu proceso de descuberta persoal e emocional, Arredor de si (1930), considerada pola crítica como a novela dunha xeración, a que recibe o nome da revista Nós (1920-1936). Adrián Solovio, o protagonista do relato, vén ser en moitos sentidos trasunto e case heterónimo do propio Otero, quen exemplifica no relato moitos aspectos da súa traxectoria vital e intelectual.
Villares ofrécenos unha interpretación polo miúdo da peripecia de Adrián Solovio (Otero Pedrayo), especialmente valiosa no Ano Oteriano que se anuncia: dende os primeiros días de formación ata a súa incorporación decidida ao galeguismo pasando por Madrid, Toledo, París, Berlín, a experiencia europea en definitiva, ata recalar na casa patrucia da nai e do tío Bernaldo, que podemos identificar coa Trasalba de Amoeiro, diante do mapa de Domingo Fontán. Daquela Otero estaba no seu momento máis brillante dentro da cultura galega. Logo viñeron outros tempos, días moi duros, certamente tráxicos, que puxeron a proba os principios fundamentais e a coherencia non só persoal senón de toda a súa xeración: a represión, o exilio interior, a resistencia, a lealdade aos vellos amigos, a relación coas xeracións máis novas... Estoutra parte da historia é a que deberíamos continuar. Se cadra o profesor Villares podería intentalo. Fermoso ramo para un ano especial.