«¿Tenemos lengua o gallego?»

laureano araujo DOUTOR EN CIENCIA POLÍTICA E CATEDRÁTICO DE INSTITUTO

OPINIÓN

Libros en galego
Libros en galego ALVARO BALLESTEROS

22 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos institutos, os docentes de linguas estranxeiras están afeitos a ver como o alumnado se estraña moito cando aprende os países e as capitais e se atopa, da man do meticuloso profesor, con Galiza e Santiago de Compostela. Tal reacción plásmase case sempre na mesma exclamación: «¡Pero Galicia no es un país!». Normalmente, esta alporizada manifestación faise co ton de suficiencia que dimana dese coñecemento que na socioloxía se chama «de sentido común». Tras catro décadas longas de vixencia do Estatuto de Autonomía, onde se alude a Galiza como país en dous artigos, a percepción que temos de nosoutros parece seguir a ser tan cativa que non nos damos comparado cos países de verdade.

Despois, cando remata a clase, o alumnado pode preguntarse, poñamos por caso, se na seguinte hora vai ter «lengua o gallego». Esta expresión popular pode traducirse, en termos algo máis técnicos, por «Lingua castelá e literatura ou Lingua galega e literatura». Que o alumnado decida abreviar é unha mera cuestión de economía lingüística. Claro que a expresión elixida podía ser outra; por exemplo, «lingua ou lengua». Unha fórmula bastante obvia sería tamén «galego ou castelán». O que está claro é que o español é indiscutibelmente unha lingua. O galego tamén, segundo se nos asevera unha e outra vez, pero non, desde logo, a lingua dun país. No universo mental dunha boa parte da nosa cidadanía, Galiza non é un país e o galego disque é unha lingua, pero non estamos alá moi convencidos de que poida equipararse coas linguas dos países de verdade.

Ao saíren do instituto, ás veces os alumnos acompañan os pais a mercar un libro, que vai ser, con toda probabilidade, un libro en castelán; porque de cada 100 obras que se venden, non chegan a 10 as publicadas en galego. E non é que os libros en galego non sexan polo menos tan bos como os escritos en calquera outra lingua, senón que, postos a optar entre «lengua y gallego», os lectores galegos adoitan preferir un idioma de verdade, un deses que se falan en países de verdade. É de puro sentido común.

Hai persoas entre nós, e non son poucas, que non aturan, por pór un par de exemplos, o nacionalismo lingüístico español, modelo de rexeitamento cazurro da realidade plurinacional do Estado, nin a infortunada política lingüística do Goberno galego, nin o contumaz empeño empresarial en ignorar a lingua propia do país, nin tampouco a idea eclesiástica de que Deus, cando inventou as linguas, debeu de pensar que o galego non estaba á altura dos idiomas dos países de verdade en que acababa de dividir o planeta. Pero sendo todo isto rigorosamente certo, non podemos esquecer o máis desolador: que é posíbel que a galega sexa unha sociedade que xa renunciou á súa lingua. Se non, preguntémonos en conciencia que contestamos cada un de nós, polo baixiño, cada vez que temos que elixir entre «lengua o gallego».