Os xuíces, fiscais e avogados ingleses vestiron togas negras en sinal de loito pola morte da raíña María II, a finais do século XVII, e seguiron facéndoo porque coidaron que de negro aparentaban máis solemnes. A iniciativa tivo éxito e noutros países non tardaron en imitalos. Ese é o feito histórico pero eu coido que naquela decisión interveu algunha musa ou a deusa Atenea para que un século despois o debuxante Daumier representase «as xentes da Xustiza» coas togas negras despregadas como ás de morcegos na sátira máis feroz que nunca se fixera contra os xuíces entregados ao poder político. Daumier morreu na miseria, pero os debuxos e litografías que asinou son un índice acusador contra a corrupción xudicial de calquera lugar e tempo. No noso, o xurista Alejandro Nieto, catedrático emérito de Dereito Administrativo na UCM, analizou os problemas da Xustiza nos libros El desgobierno judicial (2005) e El malestar de los jueces y el modelo judicial (2010), e nos dous denunciou a grave crise que en moitos aspectos padece o poder xudicial en España, con especial atención á escandalosa politización da maxistratura, que pon en cuestión a súa independencia. A conclusión é dramática: os partidos políticos teñen collidos os xuíces a través do Consello do Poder Xudicial.
Nunca a valoración da Xustiza pola cidadanía foi tan baixa como hoxe en España. Os cidadáns sabemos que moitos xuíces semellan seareiros dos partidos e que a Xustiza non é igual para todos. Abondan os casos que reforzan a incredulidade. Cando no 2018 o Tribunal de Contas condenou á alcaldesa de Madrid, Ana Botella, e a sete membros do seu Goberno a pagar 25,7 millóns de euros por vender vivendas públicas a un fondo voitre, ata o español máis candoroso sabía que esa sentenza quedaría en nada, e en nada quedou.
No 2019, o Tribunal Superior de Justicia de Madrid condenou por prevaricación ao xuíz Juan Antonio Toro Peña por filtrar información a unha das partes investigadas nun caso relacionado coa Federación Española de Baloncesto. Un ano despois, o Tribunal Supremo revocou a condena por entender que a filtración do xuíz existira, pero non con intención de prexudicar á parte contraria. Foi un dos dous casos que recordei cando o Tribunal Supremo impuxo ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, unha condena patriótica. O outro foi o Consello de Guerra de Burgos, en 1970, contra dezaseis membros de ETA. As penas foran moito máis duras que as pedidas polo fiscal, e o xeneral García Rebull —un dos alicerces do búnker franquista— cubriu o trámite de asinalas. Catro anos despois declaraba a unha revista: «Aún en el caso de que no hubiese encontrado correcta la sentencia del Consejo de Guerra de Burgos la habría aprobado. Cumplí con mi deber. Ante todo, España».
Coido que demasiados togados pensan tamén así.