Redes sociais e alimentación

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Paradela

19 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A mala utilización das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) está a ser cada vez máis estudada, co fin de determinar cales son os prexuízos que causa nos máis novos e poder tomar medidas que tenten paliar as súas consecuencias. Son exemplos destas a regulación do uso dos móbiles nos centros escolares, a inclusión nos aparellos de sistemas de control dos pais, o fomento da aprendizaxe de competencias dixitais e prevención das adiccións ou a regulación dos delitos no ámbito dixital.

 

Súmase agora unha nova consecuencia moi negativa do mal uso das redes sociais, cal é o aumento constante dos trastornos da conduta alimentaria a idades máis temperás, como son a preadolescencia ou mesmo a infancia. Así o constatan estudos do Hospital Universitario Niño Jesús de Madrid ou da Asociación Española de Pediatría, que destacan o crecente papel das redes sociais como factor de risco e advirten da vulnerabilidade dos nenos diante de contidos e imaxes de ideais corporais estéticos, baseados nunha perfección irreal, que se converten en modelos a imitar por riba de todo.

O principal obxectivo dos rapaces é ser unha persoa perfecta, tanto no aspecto físico como na consecución de éxito e felicidade, o que trae como consecuencia un perigoso impacto na autoestima e provoca obsesión pola comida san, o exercicio físico ou os tratamentos para adelgazar. Por medo a engordar fanse dietas ou xaxúns rigorosos, aínda que o peso sexa normal, causa de irritabilidade, desánimo e preocupación por compararse cos demais. As secuelas son graves, tanto a nivel socio-familiar como sanitario, tendo aumentado un 22 % nun ano as hospitalizacións de cativos menores de 12 anos. Nada menos. A relación social dos rapaces céntrase nas redes, mentres desaparece algo tan importante como é o necesario contacto físico, o xogo cos demais e a charla con intercambio de sentimentos.

A prevención deste dano está, unha vez máis, no fogar. Os poderes públicos poderán tomar medidas, como é o caso de Australia, que acaba de prohibir o acceso ás redes sociais a menores de 16 anos, pero isto non solucionará a vulnerabilidade dos nenos diante da irresistible atracción deste medio, se non se implica de cheo a familia. Os pais teñen que ser conscientes de que non existe unha regulación dos contidos que aparecen nas redes e, xa que logo, deben estar sempre moi cerca dos fillos, impedindo que accedan a eles mentres non haxa madurez suficiente.

As TIC son, sen ningunha dúbida, imprescindibles nas súas vidas persoais e académicas, pero teñen unha parte negativa que hai que evitar a toda costa.