Corrixir a historia

OPINIÓN

Evelyn Hockstein | REUTERS

20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Trump é quen de utilizar a ficción e confundila a mantenta coa historia nese paseo da fama que creou na Casa Branca. Esta última tolería, na que se dedica a criticar a Biden e Obama, só é un intento de controlar a memoria, coa finalidade de erguer a súa realidade, totalitaria. Esa histeria levoume a un ensaio de Vargas Llosa, onde di que a organización da memoria colectiva sempre foi unha tentación conxénita do poder e pon o exemplo curioso dos incas, que seica cando morría o emperador, morrían con el non só as súas mulleres senón tamén os seus intelectuais, que aplicaban a súa sabedoría a converter a ficción en historia. Parece ser que o novo emperador chegaba ao poder cunha morea de novos sabios para facer corrixir o pasado e erguer unha nova memoria oficial. Os incas, xa que logo, valéronse da literatura para construír un pasado co que inmobilizar o presente, ideal supremo de toda ditadura. Se cadra o imperio incaico sexa hoxe unha sociedade sen historia que ninguén puido reconstruír da maneira auténtica.

O intento de Trump de lle meter man á historia con esa literatura de rotulador groso pode resultar ridículo, e non ten pinta de que estea aconsellado por sabios incaicos, pero toda esa ousadía que ten para desafiar o sentido común é a mesma que usa para desafiar o mundo. E é esa si que é unha historia, ou histeria, por corrixir.