Que ven o comunismo!

Xosé Mª Arias Fernández ALCALDE DE CASTROVERDE E MEMBRO DO PSDEG

OPINIÓN

M. Cuadrado

18 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos parabéns á Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL) pola loita en defensa dos nosos montes e da produción dos mesmos, sexan eucaliptos, pinos, carballos etcétera... Esta é a loita dos que non están aí e tamén dos que veñan despois e dos que teñen terras tanto agrícolas coma forestais. Anímovos a seguir pelexando por un dereito xusto xunto á inxustiza dun Goberno galego ausente que con moitos anos de Goberno de maiorías absolutas é incapaz de ordenar o territorio tanto agrícola como forestal prexudicando gravemente a ámbolos dous sectores.

Estamos vendo como o Partido Popular na Xunta é incapaz de protexer as nosas carballeiras e por riba tamén está a prohibir no interior de Lugo a produción do cultivo do eucalipto.

Os do interior e os da montaña lucense estamos condenados pola situación. É necesario e urxente facer unha ordenación do territorio para que todos poidamos vivir nel e aproveitarnos da produción da terra, con compensacións económicas ás persoas que teñan especies autóctonas que tamén serven para protexer os lumes.

Temos que protexer a nosa paisaxe, o noso patrimonio e os nosos núcleos de poboación, pero tamén temos dereito a plantar eucaliptos alí onde se poida, e onde non, como xa dixen, haberá que compensar doutra maneira. Isto é algo que se se lle explica á xente do rural enténdeno perfectamente. Falta vontade política pero este Goberno galego non cree no rural. Polo que estamos a ver, pouco lle importa. Cando digo no título que ven o comunismo! dígoo por algo, Agora é a dereita do PP a que nos embarga as nosas propiedades. Este Goberno acaba de ampliar ou prorrogar a moratoria do eucalipto. Está a facer un embargo das propiedades con prohibicións que rozan, o meu modo de ver, as liñas da inconstitucionalidade.

Medio país galego está invadido de eucaliptos, pero aí tamén se dan os carballos e os castiñeiros.

Isto claramente é unha sabotaxe ao interior e á montaña lucense, que o único que trae consigo a curto prazo é máis abandono do rural e a proliferación de incendios.

Embárgannos as terras, pero deixan aberto que produtores que teñen eucalipto noutras zonas poidan, «cun sistema de cuotas», vir ó interior para plantar as nosas terras. E nós sen poder facelo.

Os alcaldes e concelleiros do Partido Popular do interior e da montaña lucense teñen que darse conta do que realmente está a pasar. Teñen que facer presión sobre o Goberno galego para que actúe doutro xeito. O pode facer e non se pode esconder. Non serven desculpas, ten a maioría suficiente para levalo a cabo sen botarlle as culpas ós demais grupos políticos (aínda que tampouco as dos demais me parecen posturas acertadas). Hai que sentarse e falar con AFIL, sindicatos agrarios, sector forestal, partidos políticos, etcétera para chegar a un acordo, que é posible. Só fai falla vontade política para facelo.