Falouse pouco e mal de Maribel Vilaplana en toda esta triste historia da dina, coas duascentas vinte e nove persoas falecidas, das cales polo menos cento cincuenta e seis morreron mentres comía co president Mazón, ela si, allea a todo. Falouse pouco, de feito, de que só ela amosou ante da xuíza esa clase de dor que causa a vergoña, o sentido da responsabilidade ou a culpa de non ter sabido que aquel xantar a convertía en testemuña xudicial, pois o dioivo papaba vidas que confiaban nese que lle puña viño na copa e lle preguntaba se quería pan. Eran descoñecidos aos que, co tempo, Maribel poría caras que colocarían nun ridículo lugar o seu xantar. Aquela mañá, mentres se maquillaba, debeu de parecerlle a bomba o convite do president. A unha sempre llo parece.
Maribel era a repera ata aquel día en que pasou de ser unha muller de certo prestixio a ser culpábel de comer co senvergoña nacional. Houbo moito machismo contra ela: insinuacións sexuais sobre o encontro, insultos, inxustas acusacións. Ninguén pensou que Maribel, coma calquera valenciá con familiares e amigos á intemperie, tamén sufría aquela tarde a desidia do home co que comía. Estou segura de que Maribel seguiría sendo a repera se se chamase, por exemplo, Juan Luis Vilaplana. Juan Luis, amigote de Mazón, botaría balóns fóra e defendería o president contra eses mortiños que xa non votan. Juan Luis non choraría diante da xuíza nin se avergoñaría de nada. «Mazón, sé fuerte», diríalle Juanlu ao colega.
Pero Maribel lida coa culpa cada mañá ao ollarse no mesmo espello no que se maquillaba ilusionada aquel día. «Atorméntame non ter mirado o móbil», díxolle á xuíza. Coma sempre, esa culpa que se verte sobre as mulleres facéndonos crer que poderíamos ter cambiado algo.