«Pechei as galiñas: xa non me miran tan ben, peléxanse, protestan»

OPINIÓN

MARTINA MISER

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O confinamento das galiñas

Temos un pequeno galiñeiro, con seis aves. Está dado de alta no rexistro da Xunta, polo cal a Consellería de Medio Rural ten o meu enderezo, o meu número de teléfono e mais o meu correo eléctronico. As pitas normalmente pasaban da mañá o anoitecer picoteando felizmente polo noso xardín, que non é pequeno. Cando se achegaba unha pega, o paxaro mais doado en tocar terra nos arredores do galiñeiro, era unha marabilla observar o exército de galiñas correr furiosas e espantar rapidamente ós córvidos.

Agora resulta que temos que confinar as pobres pitas. Chamoume un amigo, comprobeino na edición dixital de La Voz e pechei as galiñas no seu curral, de uns catro metros cadrados. Non parecen estar nada contentas, como poderedes deducir. Ese espazo, que inclúe pólas para que suban (o galiñeiro, pechado tipo chaletito e o poñedoiro van aparte), é un área moitísimo mais grande por ave que o que terían as pitas de batería, pero… como explicarlles ás miñas? Xa non me miran tan ben, peléxanse, protestan. Todo sexa pola prevención e a saúde de todos os seres vivos.

O caso é: por que tiven que sabelo eu a través do xornal? Qué está facendo a Xunta en medio de todo isto? Que apoio ofrece? Cando fixen o rexistro da nosa modesta explotación avícola comentárame un veciño que precisamente era para que me puideran avisar se houbese casos de gripe aviar ou algunha outra alerta urxente. Non conto con que se presente o conselleiro petando na nosa porta, nin tan sequera cun funcionario chamándome por teléfono persoalmente. Pero asómbrame que os gobernos dependan dos medios de comunicación para que a cidadanía (incluíndo aquela que resida no rural) coñeza as súas responsabilidades ante unha situación grave.

Son necesarias pautas oficiais claras, accesibles, actualizadas, prácticas e de fácil comprensión, sobre os protocolos que debemos seguir todos os que temos galiñas. Pablo M.