Xa temos prórroga da moratoria das plantacións de eucaliptos ata o ano 2030, como se solicitaba desde diversos sectores, aínda que se flexibiliza en dous casos concretos, chiscando aos propietarios e tratando de loitar contra o abandono, flexibilidades que haberá que regular, dependendo o seu éxito ou fracaso desa regulación e do seguimento e rigor na denuncia dos que non cumpran a norma.
A prórroga da moratoria era unha decisión esperada porque hoxe ten máis razón de ser que cando se implantou, debido aos problemas sanitarios dos piñeiros, ao desalento dos propietarios forestais e ao abandono do rural.
A substitución de eucaliptais degradados, con doenzas ou non mecanizables por plantacións de coníferas e frondosas, permitindo que un 75% da superficie afectada se plante de eucaliptos en parcelas do mesmo ou distinto propietario vai na liña dos “dereitos de eucalipto” que defendemos desde a Asociación Forestal de Galicia, creando un banco de terras de eucalipto procedente dos que deixan de cultivalo, ao que poden acceder os que o queren plantar. É importante, especialmente no caso de que sexan distintos propietarios, que compensación van ter os que ceden terreos de eucaliptais por parte dos que os reciben ou da administración.
Polo que se refire aos terreos con piñeirais afectados gravemente pola banda marrón nos que se permitirá plantar un 50% da superficie con eucaliptos, durante unha quenda de corta, debendo plantarse o resto con coníferas ou frondosas, é unha forma de dar alento a uns propietarios desmoralizados e sen alternativas na actualidade. Durante esa quenda de corta dos eucaliptos deberíase facer un esforzo na investigación forestal aplicada de cara a conseguir piñeiros resistentes a esas doenzas, e en ensaios con outras coníferas e frondosas de interese forestal, incluídas as autóctonas, pois nun contexto de cambio climático e de avance das pragas e doenzas é importante diversificar as especies arbóreas nos montes galegos, creando mosaicos que favorecerán a prevención de incendios e a sanidade forestal, o que tamén beneficiará sen dúbida a diversidade biolóxica e a calidade da paisaxe.
Como comentabamos máis atrás, o éxito ou o fracaso destas medidas vai depender de como se artellen e regulen, así que seguimos agardando...de tódalas maneiras tanto para unha como para a outra deben establecerse superficies mínimas, o que tamén favorecerá a agrupación de propietarios, de non facelo así serían inviables tecnicamente e a estrutura da propiedade forestal en Galicia complicaría moito, facéndoo case imposible, o seu seguimento, e debe ser a administración a que tutele estes procesos, pois sería un erro deixalos nas mans das empresas privadas do sector.
Por último, xorde a pregunta...poderanse cumprir as previsións de contención da superficie de eucaliptos contempladas no Plan Forestal de Galicia? Pode ser, pero parece difícil, ademais o regulamento debe establecer os distritos forestais nos que se poden aplicar estas medidas, evitando o espallamento dos eucaliptos por toda Galicia, compensando dalgunha maneira aos propietarios dos distritos que non se permita a súa aplicación que estean nalgunha das situacións contempladas.
Antonio Rigueiro Rodríguez é presidente da Asociación Forestal de Galicia e catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela