Onde queira

Pedro Puy
Pedro Puy DEPUTADO NO CONGRESO POLO PP

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«A miña política é poder comprar un billete na estación Victoria é ir onde queira», respondeu Ernest Bevin, o sindicalista e político laborista inglés, cando lle preguntaron cal era a súa política. Non tiña, en sentido estrito, ningún plan.

Probablemente a mellor definición do que son e significan uns orzamentos públicos deuna o máis influínte dos facendistas españois contemporáneos, Fuentes Quintana. Son «o plan económico do grupo político». Nela resúmense tódalas dimensións da institución orzamentaria. A política, porque obriga a todo o grupo social e conforma a división de poderes nun Estado de dereito, correspondendo ao poder executivo a súa elaboración e execución, e ao lexislativo a aprobación e o control. A económica, porque se trata de aplicar recursos escasos a fins alternativos. E a xurídica, porque son unha lei, particular pola súa duración anual e formulación contable en partidas numéricas de ingresos e gastos. En consecuencia, a non presentación polo Executivo e aprobación polo lexislativo dos orzamentos en prazo conleva consecuencias, e graves, de toda índole. Xuridicamente, o Goberno incumpre as súas obrigas constitucionais; e no caso de España, as normas europeas (somos o único Estado membro que non presentou o seu plan orzamentario). Politicamente, impídese o control polo Congreso e o Senado, xa non só do contido do proxecto orzamentario, senón dos ingresos e gastos efectivamente proxectados, e tamén polos organismos públicos independentes de control financeiro, como a Airef, que acaba de denunciar a imposibilidade de facer o seu traballo. Economicamente, porque un plan previsible de políticas e gastos é substituído, no caso menos malo, só pola incerteza que frea as expectativas dos axentes económicos; e no peor, pola discrecionalidade ou arbitrariedade na asignación das partidas de gasto, a través das modificacións orzamentarias (38.000 millóns desde 2023) á marxe do debate parlamentario. E nunha circunstancia excepcional: as actuais Cortes non teñen debatido nin un proxecto de orzamentos no que vai de lexislatura, e os vixentes foron aprobados polos representantes elixidos en 2019, e non os votados en 2023. Algúns teñen atribuído este feito á ineptitude do Executivo e outros á difícil situación parlamentaria. Non semella que sexa o primeiro, porque os funcionarios da Administración do Estado preparan os anteproxectos sen problema algún; nin o segundo, que en todo caso máis que causa mostraría o efecto da incapacidade da heteroxenea maioría de investidura de pactar un plan económico para España. Da máis ben a impresión de que o goberno de coalición, e moi particularmente os socialistas, teñen un plan, pero non orzamentario, senón o de sacar o billete e empregalo onde e como queiran. Afórranse negociacións (que se anuncian e as contrapartes negan) e toda caste de controis.

Bevin era un político socialista moderado, de orixe humilde, declarado antifascista e anticomunista, fundador do principal sindicato británico. Foi ministro de Traballo no Goberno de concentración de Churchill entre 1940 e o fin da Segunda Guerra Mundial; e de Asuntos Exteriores co laborista Attlee. Contribuíu decisivamente á construción do estado de benestar no Reino Unido. Opúxose á creación do Estado de Israel e impulsou a creación da OTAN. Bevin sacaba o billete para ir onde quería. Pero era famoso por ser home de principios e de palabra. Non ter orzamentos é un problema. Pero máis grave é que o plan sexa non telos. Que sexa facer o que se queira, sen principios nin controis e contradicindo as palabras dadas. Billete a ningures.