Se se trata de carreiras, un prefire parar un xenocidio ca unha competición ciclista. Non creo que un país deba avergoñarse por iso. Máis ben ao contrario. Gozamos dunha democracia que trae estas cousas propias da liberdade. O que resulta ridículo é intentar poñer o escudo da infancia para reprochar unha manifestación que tiña no seu estandarte un berro unánime a favor de Palestina e en contra do Goberno israelí que continúa coa súa matanza. Que altura intelectual e política pode ter quen se queixa de que os altercados asustaron a uns nenos madrileños, obrigados a ver algo moi semellante a Saraievo, e obviar o fondo do asunto con tanta crueza. Ás veces me pregunto como pode haber xente con tanta ignorancia histórica como para facer esas comparanzas ofensivas. Hai xa moito que se perdeu a cordura e a vergonza. Todo vale. O drama de Madrid foi ver parada unha carreira; o drama do pobo palestino é non ver parar a matanza. E si, podo sentir preocupación polos berros dos manifestantes que asustaron a eses nenos madrileños que non tiñan necesidade de ver semellante barafunda, pero a miña prioridade está moito máis preto desoutros nenos que o perden todo, mesmo o dereito a se asustaren porque son asasinados. O paradoxo non deixa de ser terrible cando alguén se indigna polo simple susto dun neno madrileño e, a un tempo, se silencia un terror colectivo. Esa é a realidade dos que se alporizan co pranto dun neno por un susto fuxidío que se soluciona cun xeado ou unha aperta, e non son quen de sentiren a mínima compaixón por outras criaturas ás que o ceo lles cae literalmente enriba. É triste, moi triste, intentar polarizar mesmo a dignidade humana. Iso si, cadaquén escolle o pranto do neno que máis lle doe. O meu é o dos palestinos.