
Nacións Unidas celebra cada 8 de xuño o Día Mundial dos Océanos. Este ano o seu lema é «Asombro: soster o que nos sostén». Este lema lémbranos que os océanos nos resultan admirables e marabillosos, pero tamén que cando os observamos nos preguntamos que é iso tan inmenso, que contén, como podemos vivilo e utilizalo, como podemos conservar tanta beleza.
A beleza non se explica, séntese. Pero todos sabemos que a beleza pode murchar se non se coida adecuadamente. A beleza sostén o noso espírito, sosteñamos a beleza dos océanos.
Pero chegarán os máis materialistas e dirannos: a beleza é boa, pero temos que comer todos os días. Claro, teñen razón, pero aínda antes de comer é necesario respirar e os océanos proporciónannos máis do 50 % do osíxeno do planeta. Hai que coidalos. Vai moito niso.
Os océanos son produtores de alimentos. Para máis de mil millóns de persoas os produtos mariños son a fonte principal da súa dieta. E para o resto é un tipo de alimentación necesaria e saudable. Sen esquecernos de que os océanos proporcionan outros tipos de recursos, xa sexan mineralóxicos, tales como petróleo, minerais, gases e sal, ou enerxéticos, como os eólicos, mareomotrices e termais.
Doutra banda, o mundo actual vive dos produtos que se van levando duns países a outros, do comercio internacional, e máis do 90 % do transporte de mercadorías pasa nalgún momento polo mar. Actualmente non se concibe a circulación de bens, entre eles os alimentos, sen o transporte marítimo. Ademais, segundo a Fundación Telefónica, hoxe en día o 99 % das comunicacións mundiais seguen pasando por cables submarinos.
Nun país como o noso, cuxa economía depende en gran medida do turismo, debemos saber que o turismo costeiro e mariño representa polo menos o 50 % do turismo mundial. E o turismo baséase fundamentalmente no gozo do lecer e da beleza. Sen esquecer que, nun mundo cada vez máis sensibilizado coa conservación da natureza, os océanos albergan a maior parte da biodiversidade do noso planeta.
O anteriormente mencionado son algúns exemplos do uso dos océanos, ese marabilloso e en parte descoñecido mundo que tanta investigación necesita para saber de verdade o que temos e como podemos usalo adecuadamente. E o asombro e a curiosidade que leva asociados a contemplación dos océanos son a base do coñecemento científico. Por iso as Nacións Unidas, aproveitando o Día Mundial dos Océanos, que este ano terá os seus actos centrais en Niza, Francia, convocou nesa mesma cidade, do 9 ao 13 de xuño, unha Conferencia Mundial sobre os Océanos para deseñar un plan de acción mundial co fin de conservar e utilizar de forma sostible os océanos. Oxalá que o consigan. Sosteñamos o que nos sostén!