«É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade, e por que non?, da felicidade». (Begoña Caamaño)
Cadaquén ten dereito a escoller os seus referentes e a construír os seus soños como ben lle pareza, mais, queiramos ou non, os mitos, os relatos literarios ou mesmo as películas que nos agradan son un reflexo de como nos colocarnos fronte á realidade que nos delata ante o mundo. Os meus sitúanse no feminismo e nas historias corais, de logros colectivos, nas que a forza nace dun espírito constituído con moitas vontades e cuxas heroínas ou heroes senten orgullo das súas orixes e loitan polo ben da comunidade. Por iso me gustou moito un recente filme catalán sobre un barrio inmigrante da periferia barcelonesa, Torre Baró, que se constrúe na década dos 60 e 70 do século pasado coa loita dunha veciñanza que, man a man, se dota de identidade e consegue os servizos que precisa: O 47.
Fronte á falsa épica de agrandar artificialmente o opoñente ou de facer coma o rato que se cre enorme cando mira a súa sombra, prefiro a lírica dunha colectividade que lle dá importancia á solidariedade, ás pequenas cousas e ao esforzo colectivo. Escollo a disidencia pacífica das veciñas e veciños que non se conforman co que o poder rancio chama modernidade para que queden fóra de xogo. Elixo ampliar o taboleiro e facelo inclusivo, diverso e aberto, para que os cambios sexan reais e non só aparencia.
Coa humildade de sermos conscientes da forza coa que contamos, mais co orgullo de sabermos quen somos e de onde vimos, sei que é posible mellorar a vida da xente. Mais tamén sei que o camiño, coma o que tivo que subir o autobús de Manolo Vital, o condutor da historia, está cheo de fochancas e croios, e que fan falta todas as mans para supéralo porque, xa desde o primeiro paso, require dunha achega extraordinaria de enerxía e valentía.
Na película, que conta como o impulso e a complicidade de moitas persoas se concentran para converter en realidade o que parecía imposible, que o autobús chegue a ese arrabalde esquecido, atopei moitas conexións coa traballo desde o goberno de Santiago. Está, como primeiro acto de rebeldía, atreverse a ser. Está o orgullo da pertenza e das raíces. Está o esforzo diario e constante. Están as voces da colectividade que non se engurran ante os prexuízos. E está a demostración de que, coa meta clara, o camiño, por moito costento e caroal que sexa, sempre é certeiro.
Sei que o autobús vai chegar, como sei que se están dando solucións moitos problemas enquistados, que se está traballando para mellorar os servizos e atender as necesidades, por frear a carestía da vivenda, por garantir un espazo público de calidade, por mudar o modelo do turismo, por dotarnos de equipamentos sociais e deportivos, por manter a riquísima actividade cultural e festiva, pola transparencia e a participación… Sei que todo isto avanza porque traballo cada día, co compromiso de todo o equipo e da Administración municipal, para logralo. Sen máis épica, nin máis aspiracións: só polo ben colectivo.