Milleiros de persoas e institucións están abandoando X, a rede de Elon Musk, para mudarse a Bluesky, unha que é exactamente igual pero que promete que non vai ser habitada pola crispación, dominada polas grandes corporacións (o algoritmo de Musk dálle máis visibilidade a quen máis paga), e que vai ser, din eles, ese espazo democrático de conversa en liberdade que, inxenuos, pensabamos que ía ser X cando era Twitter. Abrimos conta alí, por suposto, e imos vendo como se move o persoal, e non hai que ser moi listo para saber que en nada será igual que a antiga Twitter.
O problema non é tanto como ten configurada X o seu dono, senón que dende hai uns trinta anos, na cultura occidental se instaurou un réxime de ausencia de debate racional no ámbito do público. E as redes sociais non deixan de ser un espazo público na que se manifesta o corpus social tal cal é. Non é que as redes brutalizasen a sociedade. É que unha sociedade embrutecida atopou nas redes un lugar onde expresarse sen filtros.
Comezaron as televisións. España é un caso paradigmático para entendermos isto. En canto abriron as privadas comezaron aparecer programas nos que o berro, a vulgaridade, o histrión, eran premiados con máis e máis minutos de programación. Os Sálvame convertíronse na norma. Súmenlle a iso que dende o nacemento e implantación da Logse, malia as normas que viñeron despois, fomentou un tipo de cidadán acrítico atrapado nunha espiral de chapatoria que o único que aprende é a superar exames. Rematen a ecuación ofrecéndolle á mocidade, e á non mocidade, plataformas coma TikTok ou os reels de Instagram, onde o consumo brutal de vídeos duns poucos segundos, priorizados polo algoritmo —o que sexa máis estúpido, mellor—, son consumidos durante horas e horas nun exercicio intelectual que os volve máis incapaces cada día para entender textos complexos ou explicacións pausadas. Por iso sempre vai ter máis likes Ayuso dicindo unha animalada («ETA está más viva que nunca») que Gabilondo, o seu rival nas eleccións, citando a Inmanuel Kant. Froito de todo isto, o nivel dos nosos políticos aseméllase ao dun mono armado cun móbil chiando sen parar para conseguir o favor do público. O universo fake vólvese inevitable.
O Bluesky rematará sendo un sumidoiro de vómito porque o discurso político, a conversa social, está arruinada. Só pechando todo iso e formulando unha educación de calidade centrada no libro, na lectura e na biblioteca, se poderá reconducir esta situación que, inevitablemente, nos levará ao totalitarismo. O máis parvo con máis likes será o dono do mundo. Trump xa o entendeu hai tempo.
O cielito lindo irase enchendo de nubarróns. Xa verán.