Un futuro explosivo

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

26 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta incrible, e ao mesmo tempo inquietante, que xa na era da intelixencia artificial, con mecanismos sofisticados para facer dano e en mans dun terrorismo que evoluciona á par dos avances tecnolóxicos, algo que representa un desafío urxentísimo para os gobernos e os organismos de seguridade de todo o mundo, a milicia xiíta libanesa sexa vítima duns atentados máis propios do século pasado ca deste. Chama a atención que unha organización que presumía dunha férrea seguridade e que tiña tanto coidado cos infiltrados, caese nun plan tan bestial e rudimentario coma o do estoupido xeral dos buscas e os walkie-talkies. E o que asusta máis é a resposta que, con toda probabilidade, por moi duro que fose o golpe, dará Hezbolá a un Israel ao que lle encanta xogar con lume. Ninguén pon en dúbida que este cabalo de Troia inserido no corazón de Hezbolá supón un ataque terrible e deixa sumida a organización no desconcerto, ispindo unha vulnerabilidade que Israel xa está a aproveitar con lanzamento de bombas a grande escala no sur do Líbano. Tamén é certo que pon medo saber que a rabia e o odio irán levedando nas filas das milicias de Hezbolá e, non sei se axiña, porque se cadra neste intre de debilidade non lles interese unha guerra aberta con Israel, pero non tardarán en estoupar as represalias dunha vinganza que procurará un horror non sei se tan rudimentario coma o dos buscas ou coa innovación de calquera desas armas emerxentes que xa non requiren a intervención humana e ameazan con niveis de perigo e devastación inimaxinables. Alguén ten que parar isto e, neste intre, a solución só pasa por deter as bombas en Gaza. Se non, o futuro seguirá a ser explosivo non só para Israel e Hezbolá, senón para todos nós.