Ás veces, cando non teño claro se quero ou non escribir sobre un dos temas que vou recompilando, chamo ás miñas irmás para preguntar que opinan sobre o asunto, pois cada unha é un mundo, e a meirande parte das veces non concordamos en nada. Entón explícolles as razóns polas que quero escribir sobre iso, escoito as súas reflexións, e no proceso decido se serei ou non capaz de falar dese tema desde un punto de vista que me poida aportar unha reflexión diferente á que tiña antes de empezar a escribila.
Esta semana, logo dese proceso, e nun exercicio de aprendizaxe, decidín que non tiña unha idea clara sobre o que quería dicir sobre a polémica creada arredor da boxeadora alxeriana Imane Khelif. Pois é difícil non cuestionar todo o que se está a dicir ao respecto das capacidades dunha muller que chegou ás Olimpíadas polos seus propios méritos como deportista. E moito máis difícil é imaxinar o que se lle estará pasando pola cabeza a unha persoa de vinte e cinco anos que, competindo ao máis alto nivel, é capaz de atopar a forza para conceder unha entrevista e dicir: «Envío unha mensaxe a toda a xente do mundo para que defenda os principios olímpicos (...) para que se absteñan de acosar a todos os atletas, porque isto ten efectos, efectos masivos». E quizais iso é o que quería dicir hoxe, que Khelif, no medio dunha polémica que nada ten que ver coa súa arte como boxeadora, sufrindo todo tipo de insultos, foi quen de lembrarnos que ese tipo de intimidación «pode destruír ás persoas», e de facer un chamamento para que a xente «se absteña de acosar». Foi quen de lembrarnos que o acoso está tan xeneralizado que para deixar de facelo temos que absternos.